Skip to main content
Láncara

O corte da LU-621 de Láncara a Valdriz iníciase mañá e durará catro meses

Por 5 Abril, 2021Sin comentarios

A estrada LU-621, entre Láncara e a urbanización de Valdriz, rexistrará un corte de tráfico desde mañá martes, 6 de abril, para avanzar no seu acondicionamento e na execución da nova senda.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de retomar estas obras, unha vez acometido o desvío da liña de evacuación da central hidroeléctrica e obtidos os permisos necesarios.

O citado tramo permanecerá pechado á circulación nos vindeiros 4 meses aínda que, segundo din desde o Goberno autonómico, “axilizaranse os traballos para minimizar o tempo do corte todo o posible”.

O desvío do tráfico é preciso para acometer a mellora do trazado coa rectificación da curva anterior á ponte, que require da realización de pequenas voaduras.

Tamén se efectuará simultaneamente a ampliación da plataforma da ponte, incluído as canalizacións e cruces de servizos como o saneamento.

Esta intervención, cun investimento de 730.000 euros, prevé a execución dunha senda para conectar as beirarrúas existentes na travesía da Pobra de San Xiao co acceso á urbanización de Valdriz, que inclúen a ampliación da ponte.

A senda consta de 460 metros de lonxitude e desenvólvese pola marxe esquerda da estrada. Os primeiros 400 metros constrúense en formigón coloreado cun ancho de 2 metros. Nos últimos metros atópase a ponte sobre o río Neira, que será ampliada mediante unha lousa de formigón.

Traballos que se están a executar na vía

Ademais ampliarase a plataforma da estrada, que pasará dos 5,5 metros actuais a 7 metros; mellorarase o trazado da vía na entrada á ponte, coa ampliación do radio da curva; e reformarase a intersección que existe no acceso á urbanización de Valdriz, construíndo unha glorieta neste punto para facilitar os xiros en condicións de seguridade.

As obras complementaranse coa construción das instalacións necesarias para garantir a drenaxe axeitada.

A Xunta está a abordar co operador que presta o servizo as rutas alternativas para o transporte escolar “para ofrecer a mellor solución posible, garantindo, en todo caso, a prestación do servizo”. O corte de tráfico iniciarase o martes de xeito posterior ao paso da ruta escolar.