Láncara

A Xunta garante o transporte escolar ao CIP Ramón Piñeiro tralo corte da ponte de Valdriz

Por 6 Abril, 2021Abril 8th, 2021Sin comentarios

En Láncara iniciouse hoxe a segunda fase das obras que a Xunta está a executar na ponte de Valdriz, e que fan necesario o peche ao tráfico neste treito da LU-621, desde a capitalidade lancaresa á urbanización de Valdriz. Ante este corte, a Xefatura Territorial de Infraestruturas e Mobilidade comezou a pasada semana a estudar varias rutas alternativas para garantir o servizo de transporte escolar dos alumnos do CIP Ramón Piñeiro.

O delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou este martes que o corte afecta a dúas rutas, que manterán as mesmas paradas pero que tamén circularán por outras vías, “o que implicará un incremento do tempo da viaxe entre 5 e 15 minutos”. En calquera caso, dixo, “o transporte escolar quedará garantido para os usuarios, que só se verán afectados por mínimos cambios de horario”.

Desde a Xefatura Territorial informouse destas variacións para que o propio CIP Ramón Piñeiro comunique aos pais e nais dos estudantes os novos horarios, tanto no propio centro como a través da plataforma Abalar.

Está previsto que o corte da ponte se manteña durante uns catro meses. “Somos conscientes das molestias, pero esta actuación suporá maior seguridade para o tráfico rodado na zona grazas ao ensanche da ponte, á construción dunha rotonda que xestionará a circulación da LU-621, e á breve rectificación do trazado para que a entrada á ponte sexa tamén máis segura”, asegurou Javier Arias.

O proxecto contempla ademais a creación dunha senda peonil desde o último tramo de beirarrúas da Pobra de San Xillao ata a nova rotonda que se vai construír no acceso a Valdriz.