Skip to main content
Láncara

O Concello de Láncara repartirá uns 2.000 quilos de carne de tenreira entre os veciños

Por 8 Abril, 2021Abril 9th, 2021Sin comentarios

Láncara non celebrará o vindeiro 1 de maio, e por segundo ano consecutivo, a súa Feira Degustación de Tenreira Galega. A covid impediu a celebración do ano pasado e, nesta ocasión, aínda non é posible programar actividades que supoñan unha grande afluencia de público polas medidas sanitarias de illamento social.

Ante esta situación, o Concello quere achegar a feira ás casas dos veciños e veciñas e, para iso, repartirá de xeito gratuito uns 2.000 quilos de carne.

Con esta medida, explica o alcalde Darío Piñeiro, “ademais de manter vivo o espírito da Feira queremos promocionar e aumentar a demanda dun produto de calidade que está a sufrir numerosas perdas debido a escaseza de demanda por mor da pandemia”.

Cada familia recibirá un paquete de dous quilos de carne de tenreira, que podrán retirar no Supermercado Plenus da Pobra de San Xiao entre os días 12 e 30 deste mes de abril.

Para poder recoller a carne, o Concello editou e enviou a cada casa un vale nominativo asociado a un número de control, que deberá entregar no supermercado no período correspondente.

A retirada da carne farase de xeito escalonado. Así, entre os días 12 e 17 poderán recollela os veciños de Armea de Arriba, Bande, Carracedo, Cedrón, Galegos, Lagos, Lama, Láncara, Larín, Monseiro, Muro e Neira de Cabaleiros.

A semana seguinte, do 19 ao 24 de abril, será o turno dos veciños de Oleiros, A Pobra de San Xiao, Río e Ronfe. Por último, os residentes en Souto, Toirán, Toldaos, Touville, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Vilaesteva, Villambrán e Vilouzán poderán facer a recollida do 26 ao 30 de abril.

A Feira Degustación de Tenreira Galega, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, acadaría este ano a súa vixésimo segunda edición.