Skip to main content
Paradela

Paradela apela á limpeza de fincas para previr incendios

Por 13 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello de Paradela lembra aos propietarios de terreos situados en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural a obriga de mantelos nun estado axeitado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada antes do día 31 de maio, atendendo ás distancias establecidas pola Lei de prevención e defensa contra incendios (Lei 3/2007 do 9 de abril).

Neste senso, faise fincapé en que deben estar limpas de maleza as parcelas que se atopen dentro dunha franxa perimetral de 50 metros ao solo urbano, urbanizable delimitado ou núcleo rural, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais, situadas a menos de 400 metros do monte.

De igual xeito, no interior do núcleo de poboación e na totalidade da franxa de protección de 50 metros desde a liña que delimita urbanísticamente os núcleos, non poderá haber especies pirófilas, como piñeiros, eucaliptos, toxos, mimosas, silvas ou fentos.

O incumprimento destas obrigas, transcorridos os prazos correspondentes, determinará a incoación do correspondente expediente sancionador, cuxas multas oscilan entre os 1.000 e os 100.000 euros, segundo lembran desde o Concello.

O goberno local de Paradela explica ademais que as faixas secundarias “están delimitadas no Plan Municipal de Prevención e Defensa Contra Incendios” e estarán a disposición dos interesados na sede electrónica do Concello.