Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “O número de peregrinos caeu coa covid, pero facer o Camiño é seguro”

Por 4 Abril, 2021Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Jorge López diante do local da asociación

A Semana Santa é o momento elixido por moitos peregrinos para emprender a ruta xacobea. Érao alomenos ata a que a covid chegou para marcar as nosas vidas, botando por terra celebracións e costumes pasadas. Unha das localidades xacobeas por excelencia é Sarria, onde se nota esa redución no trafego propio destas datas, e mais nun ano Xacobeo.

A Asociación de Amigos do Camiño de Sarria recibe e asesora a boa parte deses peregrinos que chegan á vila. Falamos co seu presidente, Jorge López, quen ademais vén de deseñar un plano para promocionar a artesanía da localidade co ánimo de compensar a suspensión, por segundo ano consecutivo, da Feira de Artesanía na antiga prisión.

Estamos en ano Xacobeo, como está a ser a afluencia de peregrinos?

A verdade é que desde que comezou a pandemia, nótase moito cambio. O ano pasado, durante a tempada alta, igual houbo un 80% menos de peregrinos que en anos anteriores. Estes días parece que se está animando un pouco máis xente, pero non é nin a sombra do que era. De feito, nun día coma hoxe de Semana Santa aquí podiamos selar entre 200 e 300 credenciais, e agora no mellor dos casos estamos selando ao redor de 40 ou 50.

Facer o Camiño de Santiago é seguro?

Desde logo que é seguro. O Camiño de Santiago faino moita xente, pero tamén hai moitas prazas para facer noite, entre albergues, pensións, hoteis… E para ir camiñando podes ir só, non se forman esas aglomeracións que serían perigosas. Pola experiencia que temos no local da asociación, podo dicir ademais que a xente vén moi concienciada, coa máscara en todo momento, facendo uso do xel, mantendo as distancias…

Cando nace a Asociación de Amigos do Camiño de Sarria?

A asociación naceu en maio do ano 2007. Creámola unha decena de personas, entrelas o seu primeiro presidente que era Salvador Garrido, un peregrino de Málaga que fixera o Camiño 14 veces, e que por circunstancias viviu logo aquí uns anos. El estivera na asociación do Camiño na súa cidade e nós tiñamos gañas de crear na localidade algún colectivo dese tipo asíque, tamén grazas ao seu apoio, animámonos.

Cal é o labor da asociación?

A asociación céntrase en atender ao peregrino, no sentido de selar as credenciais, darlles información, asesoralos… Antes en Sarria contaban xa coa oficina municipal de turismo, pero nós fixemos algo máis especializado no Camiño. E, cousas da vida, desde setembro do ano pasado a asociación ocupamos precisamente o local no que estaba a oficina de turismo. O Concello trasladou o punto de información turística e cedeunos a nós o seu antigo local, en Vigo de Sarria. Aquí desenvolvemos o traballo durante todo os días do ano, de 12.00 a 14.00 horas agora en tempada baixa. A partires de maio, e ata outubro máis ou menos, ampliamos o horario de atención. Ademais temos un teléfono no que atendemos as consultas dos peregrinos en calquera momento. Como curiosidade, dicir tamén que vendemos as credenciais da Asociación Protectora de Animais do Camiño, coas que se obtén a compostela canina.

Nos últimos tempos puxeron ademais en marcha a súa web…

Si, temos a web caminosantiagosarria.es, e estamos tamén nas redes sociais. Desde que comezou a pandemia estannos solicitando moita, moitísima, información sobre todo en canto a lugares onde quedarse durante o Camiño, porque con esta situación, e con moitos establecementos aínda pechados, prefiren vir baixo reserva. Por iso, na web creamos o apartado de ‘colaboradores’ con albergues, pensións, hoteis, servizo de transporte de mochilas, taxis, tendas… todos pola orde das etapas do Camiño. Pulsando en calquera deles, accedes directamente á información do local e á súa oferta, para facer a reserva ou o que sexa. Deste xeito, o peregrino contacta directamente co servizo en cuestión, evitando os intermediarios que supoñen sempre un sobrecusto. Na asociación somos conscientes de que o peregrino precisa información, e entendemos que se deben tratar como o que son, persoas, non vendo neles un negocio. Nese sentido, esta iniciativa está funcionando moi ben. Os colaboradores págannos unha pequena cantidade anual e cada vez temos máis, porque o boca a boca vai funcionando. Temos colaboradores desde Triacastela ata Finisterre, de onde máis temos é de Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín.

A Asociación de Amigos do Camiño de Sarria foi a creadora da Feira de Artesanía?

Si, foi ao pouco de crear a asociación. Gustábanos amosarlles aos peregrinos o traballo de artesanía que se facía na comarca, así que decidimos montar unha exposición itinerante, con tres ou catro artistas da zona. Empezamos en Triacastela e logo fomos a Samos, Sarria, Portomarín… amosando o traballo deses artistas. Isto gustou e comezamos a organizar unha cita anual, nos meses de setembro e outubro, de forma xa fixa, na antiga prisión de Sarria. O ano pasado sería a edición décimo terceira, pero xa non se puido celebrar pola covid…

Cantos artesáns participaban na mostra?

A acollida da mostra foi sempre moi boa. Como dicía antes, empezamos con 3 ou 4 artistas e chegamos a contar nos últimos anos coa participación de entre 70 e 80 artesáns, que expoñían unhas 500 pezas. No mes e medio que estaba aberta, a exposición recibía ao redor de 12.000 visitas. Como anécdota dicir que nesta mostra soamente expoñemos traballos de artesáns da comarca, pero hai unha excepción. Desde fai catro anos, acolle tamén a obra dun peregrino de California, tamén artesán, que despois de visitar a mostra na súa peregrinaxe díxome que el ía realizar unha obra do Camiño e que quería expoñela alí connosco. Ao ano seguinte veu coa súa familia e doounos unha obra que representa a un peregrino ao inicio da ruta, a mediados e ao final do traxecto. O certo é que é unha obra ben fermosa e segue exposta na antiga prisión.

Este ano, no que non se prevé tampouco celebrar a mostra pola covid, buscaron outra alternativa para promocionar a artesanía da comarca…

Si, ocurríuseme aproveitar un rueiro de Sarria, e marcar nel os puntos onde os artesáns do pobo teñen puntos de exposición: os anticuarios, o lutier, un artesán que fai maquetas de monumentos da zona, outro que fai esculturas con produtos de reciclaxe ou mesmo o Museo do Pan… Pensei que, ao non poder facer a exposición, podiamos suxerir esas visitas aos peregrinos, que adoitan chegar á localidade sobre o mediodía e teñen unhas horas mortas pola tarde, que poden aproveitar para facer estas visitas. É unha forma de dar a coñecer as cousas que se fan no pobo, unha promoción cultural.

A Asociación de Amigos do Camiño de Sarria está irmanada con outras asociacións de todo o mundo…

Si, estamos irmandados con colectivos de Ávila, de Segovia, de Ucles, e tamén de Xapón. Coa Asociación de amigos da ruta dos templos de Shikoku temos un convenio para atender cada ano a máis de 100 peregrinos das súas universidades. En 2019 convidáronme precisamente a visitar o país nipón para falarlles do Camiño. Estiven na cidade de Thakamatshu, visitei uns 20 templos e din varias charlas. Aos xaponeses apaixóaos o Camiño, eles peregrinan moito máis movidos por crenzas relixiosas. Unha das charlas, nunha universidade, programárona para un domingo pola mañá, pensei que non ía asistir ninguén, pero alí había uns 50 ou 60 alumnos.

Como foi a experiencia?

Recoñezo que ía con algo de medo, pero resultou unha experiencia inesquecible. Para as miñas conferencias, eu levaba un vídeo explicando a ruta desde O Cebreiro a Santiago, facendo especial fincapé na comarca de Sarria. Os xaponeses que fixeron o Camiño de Santiago falan con emoción da zona, é unha grande satisfacción. Ao final dunha das charlas pasou algo moi curioso, cando unha moza xaponesa se dirixiu a min falando en galego. Preguntoume se coñecía Lugo, e díxome que ela estivera alí nun intercambio universitario e que fora a encargada de facer a primeira tradución ao xaponés dunha guía turística da cidade, con especial atención ás celebracións do Arde Lucus e O San Froilán. Foi unha grande sorpresa, pero o máis incrible aínda estaba por vir. Foi cando un peregrino francés, equipado co quimono xaponés, me recoñeceu máis tarde nun albergue. Preguntoume se era de Sarria, e díxome que facía un ano eu lle selara a credencial. De feito, ensinouma para demostrarme que era certo. O mundo é un pano.