Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Malditos Roedores, os segundos máis valorados polo público nun certame dixital de bandas galegas

Por 4 Abril, 2021Sin comentarios

Malditos Roedores, de Sarria, son uns dos finalistas do concurso que promove a empresa de cervexa artesanal galega Galician Brew, en colaboración con Rock in Río Tea, e no que participaron preto de 60 bandas galegas.

O grupo de Sarria, que concorre ao certame co tema ‘Xa non podo co covid’ -unha versión do ‘No puedo vivir sin ti’ de los Ronaldos- atópase entre os 10 finalistas elixidos por votación popular a través das redes sociais. Fano ademais na segunda posición, cun total de 1.477 votos, só por detrás de Yankee Flacucho.

Os integrantes de Malditos Roedores, Olalla Losada, Noelia González, Nerea Iglesias e Borja López aseguran estar “moi contentos” polo respaldo popular conseguido co seu tema, que compuxeron durante o confinamento.

Malditos Roedores sitúanse na segunda posición en canto a votos

“Estamos moi agradecidos do apoio que recibimos”, din, “ademais tamén valoramos moito toda a difusión e promoción que nos fixeron nas redes, que agardamos que nos sirva de promoción”.

Un xurado profesional decidirá agora os outros 10 finalistas do certame e, de entre todos eles, sairá o gañador final, que recibirá 1.000 euros e un lote de cervexas, e terá a oportunidade de dar un concerto nas instalación da empresa organizadora.