Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Reportaxe: A machada votiva do Castro de Viladonga

Por 19 Abril, 2021Abril 22nd, 2021Sin comentarios

Por Miriam Fernández

Sen dúbida o Castro de Viladonga é un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes e máis visitados do territorio galego, fonte de información clave para o coñecemento da cultura galaica e galaica romana. As sucesivas campañas de escavación iniciadas en 1971 sacaron á luz gran cantidade de estruturas e restos materiais que se expoñen no museo sito ó pé do xacemento, axudándonos a comprender a da vida cotiá e as costumes das xentes que habitaron este poboado.

A pesar de que este xacemento presenta unha ampla extensión escavada, aínda existen áreas importantes por estudar e das que extraer valiosa información, tal e como testemuñan as últimas intervencións (2018/2020) nas que se consolidaron estruturas e viron a luz novos espazos habitacionais, un alxibe monumental, tramos de pavimentación (camiño empedrado), escaleiras da muralla, etc., así coma restos materiais de diversa índole.

Entre os obxectos descubertos recentemente (2020), atópase unha peza verdadeiramente singular que conecta co universo simbólico ou de culto que practicaban os habitantes do castro: unha machada votiva de bronce de 13 centímetros de longo e 22 gramos de peso, datada do sécuo III a.C. Esta peza foi descuberta no alxibe monumental, unha estrutura escavada na rocha de 70 metros cadrados de superficie e catro de profundidade á que se descende mediante chanzos, e que recollía a auga da choiva de dúas minas que escorregaban ata este depósito 150.000 litros de capacidade. Dita estrutura foi tamén un achádego importante xa que as evidencias e os estudos revelaron que se trata dunha obra prerromana do século III a.C., anterior incluso á construción da muralla do asentamento, afincando teorías con respecto á súa orixe indíxena e dando mostra do grande nivel de enxeñería que posuía o castro galaico previo á ocupación romana.

Concretamente a machada atopouse no fondo do alxibe, sobre os chanzos da escaleira de acceso, acompañada por restos cerámicos, unha fíbula de traveseiro, carbón e restos de osos de animais.

Non se trata dun exemplar único, pero si escaso, xa que en Galicia polo de agora só se atoparan catro machadas votivas ou sacrificiais (Lalín, Cariño, Cervo e Mondoñedo) que, como o seu nome indica, estaban destinadas a empregarse probablemente de xeito simbólico en rituais de sacrificio de animais ou de comensalidade (comidas rituais en común).

O aspecto da machada votiva de Viladonga caracterízase por un corpo central ou mango embelecido con incisións sogueadas en espiña de peixe, unha folla de machada sobre a que se atopa un pequeno torque e as representación dun prótomo de touro (cabeza e busto) na zona frontal, un xabaril na zona mesial e un prótomo de carneiro no extremo do mango. A ornamentación é propia deste tipo de pezas, as cales representan os animais que se adoitan sacrificar nos rituais. Entre todos os exemplos galegos a machada de Viladonga  recoñécese coma unha das máis completas e decoradas.

Coa incorporación desta peza ós fondos e á exposición do museo, Viladonga conserva nesta institución tres das cinco machadas votivas galegas, as tres da provincia de Lugo: Cervo, Mondoñedo e Viladonga. A machada de Cervo (Castro da Atalaia, San Cibrán) ,tamén e de bronce, mide uns 12,30 cm e pesa 174 gr e conserva unha pátina cor verde. No extremo frontal a folla ten unha forma triangular na que se representa a cabeza dun touro ou carneiro, mentas que o corpo se estende con decoración moldurada. Por outra banda, o bronce de Mondoñedo (Monte da Trindade, Vilamor) é máis sinxelo, compartindo exclusivamente a decoración do torques na folla da brosa.

Como se pode pode ver, o Castro de Viladonga segue a sorprendernos con interesantes achádegos despois de tantos anos de escavacións, reafirmando a súa importancia para o estudo e coñecemento das xentes galaicas que habitaban nos castros. Agardamos por tanto que as institución competentes sigan apostando pola súa conservación e estudo, clave para coñecer a nosa historia e para a educación patrimonial das vindeiras xeracións.