Skip to main content
Abadín

A Rumboia: unha asociación xuvenil para revitalizar Abadín

Por 18 Abril, 2021Abril 20th, 2021Sin comentarios

Por Ana L. Cillero.

Despois das eleccións autonómicas do 12 de xullo en Galicia, un rapaz de Abadín escribía o seguinte nas súas redes sociais: “Desde que temos uso da razón afacémonos a escoitar termos como abandono do rural e emigración, normalizando así unha posición que nos acostuma a asociar o alleo como superior”. Viña a reivindicar que o goberno local conseguira que o Concello se convertese “nun núcleo para pasar un par de días e nada máis, porque non nos ofrecen nada para quedarnos, soamente o afecto que temos e nos transmitiron por esta terra”.

O autor destas palabras é Antonio Cendán, que culminaba o texto salientando a idea de que os mozos de Abadín conseguirían darlle vida ao rural.

Tal foi o compromiso, que xurdiu a idea de crear unha asociación xuvenil, cultural e deportiva, que levaría por nome A Rumboia.

“Todo comezou co texto que escribín en redes, en representación do descontento que tiñamos a mocidade de Abadín, porque non se facía ningún tipo de actividade para a xente nova”, comeza explicando Antonio.

O nome débenllo á canción homónima da banda de música folk e tradicional galega A Quenlla, da cal son seguidores. “Nós quixemos engadirlle o artigo feminino diante porque en Abadín usámolo moito diante dos nomes propios”, di Antonio. O logotipo querían que fora divertido, con cores vivas e que fose un reflexo do que queren facer.

A Rumboia toma como exemplo a asociación de Mondoñedo, Xoldra, xa que algúns dos membros fundadores son parte dela debido a que se desprazaban ata alí para realizar diversas actividades, como teatro. “Queremos facer cousas moi parecidas pero tamén diferentes, adaptándoa a onde vivimos”, sinala.

Antonio sente tristeza de non ter ningunha proposta de lecer de ningún tipo. “Nós o que buscamos é ter unha oferta que atraia á xente, non só de traballo”, comenta. Pon de exemplo novamente a Mondoñedo, que “nestes últimos anos está ofrecendo unha oferta moi diversa e nótase no ambiente que hai polas rúas”.

Son seis membros fundadores: Diego Barro, Iván Barro, Pablo Díaz, Iván Seco, Álvaro Regueira e Antonio Cendán, que asumirá o papel de presidente. Entre todos fixeron unha choiva de ideas para xerar actividades, tanto a curto como a longo prazo. Estudar na universidade limítalles moito as posibilidades de realizar actividades por semana, pero gustaríalles facer “concertos, teatro, recitais de poesía..”, que utilizarían para darlle vida aos espazos de Abadín, como a feira de Gontán – onde nun principio se poderá situar o seu local social, aínda que non é fixo – ou o salón de actos do Concello.

As actividades non van ir centradas só na mocidade, pois a asociación baralla facer diferentes clubs de lectura, un para máis pequenos e outros para adultos. E tampouco lles van “pechar ás portas a ninguén”, pois todo o mundo poderá asistir a elas, aínda que non sexa de Abadín. Buscan lograr un “efecto chamada” coa súa asociación. Deste xeito,

tamén lles gustaría colaborar coa asociación de Mondoñedo para, por exemplo, levar a cabo a carreira de aninovo, un ano en Mondoñedo e outro en Abadín porque “teñen un entorno rural que permite facer esas cousas”, como tamén rutas de sendeirismo.

Para formar parte da asociación hai que ser menor de 30 anos por ser xuvenil. Haberá que pagar un importe por ser socio, pero referido a “unhas taxas anuais, pero serán para gastos de xestión”, aclara Antonio, e engade que o equipo de goberno apoia a súa iniciativa, co que lles axudará nalgunhas actividades, xa que máis adiante tamén lles gustaría facer algúns campamentos para os máis pequenos.

No seu caso, “a inacción das institucións leva consigo que ás poucas cousas que se fan, asista moi pouca xente e isto insta a facer menos actos”, di Antonio, pero tamén aclara que é resultado dunha “mala publicidade e falta de comunicación cos veciños”. Queren axudarlle ao Concello a promocionar os eventos a través das redes porque “é unha forma fácil e rápida de atraer á xente”.

Aínda que a pandemia limita bastante a posta en marcha da asociación, que aínda está en trámites burocráticos, contan que neste verán podan comezar con algunha actividade porque houbo “moito entusiasmo por parte de xente de todas as idades” porque consideraban que “facía moita falta”.