Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

UU.AA. reclama a intervención pública para frear “os abusos” das lácteas

Por 1 Abril, 2021Sin comentarios

O responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Félix Porto

“O custo medio de producir un litro de leite en España é de 35 céntimos. As administración teñen eses datos: saben canto cobran os produtores, canto pagan as industrias e cal é o prezo de venda ao público. Non se pode permitir que os gandeiros do estado cobren de media 34 céntimos; e en Galicia 33. Alguén terá que explicar por que o simple feito de atravesar a ponte que une Ribadeo con Vegadeo fai que dunha banda o leite se cobre a 0,36 e da outra a 0,33”. Así falaba o responsable de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias. Que reclamou unha urxente intervención pública que poña freo aos desmáns das industrias e garanta o cumprimento da Lei de Cadea Alimentaria.

Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, Félix Porto puxo o foco sobre a especial afectación que os incumprimentos das industrias están a ter sobre o tecido produtivo da provincia de Lugo. Un área que, co 43,6% dos produtores de leite galegos e o 24,3% dos do conxunto de España, “é unha potencia leiteira” e unha das principais zonas produtoras do estado. “Produce o 44,9% do leite galego e o 17,7% do de España e conta con case 3.000 produtores: 2.930. Sen embargo, de xaneiro de 2020 a xaneiro de 2021 deixamos no camiño 164”.

Entre 2019 e 2020 a produción de leite aumentou nun 3,9% en Galicia. E, concretamente, Lugo facturou 16 millóns de euros máis. Así o explicou o voceiro de Unións, que lembrou que durante a pandemia aumentou tamén o consumo de lácteos e os produtos industriais están a experimentar un repunte; “co cal os beneficios das industrias aumentan”.

Nese contexto, para Unións Agrarias resulta especialmente grave a actitude das industrias, que nos últimos meses veñen desenvolvendo unha “ficción de negociación, limitándose a lanzar unha oferta para os novos contratos de recollida do leite idéntica ao do ano anterior; e resistíronse a introducir a máis mínima modificación. Estamos ante unha imposición: contratos de adhesión que ao gandeiro tan só lle queda asinar ou tirar co leite”. E nos que os prezos ofertados se sitúan moi por debaixo dos custos de produción que recollen os estudos máis recentes.

“As industrias están burlando a obriga de cubrir custos de produción que fixa a Lei de Cadea introducindo unha cláusula nos contratos que di que o prezo pactado cubre eses custos de produción. É hora de actuar. As administración deben poñer en marcha mecanismos para facer cumprir a lei e garantir prezos xustos para o leite”, indicou o voceiro da organización agraria.

Unións Agrarias insta ao Ministerio de Agricultura “deixar de ollar para outro lado” e tomar cartas no asunto. “O Ministerio de Agricultura coñece o estudo de custos de produción que se ten realizado, sabe o que se está pagando aos produtores e a canto se vende ao público o leite. É momento de deixar de mirar para outro lado e activar os mecanismos necesarios, a través da AICA, para iniciar de oficio un procedemento que permita solucionar dunha vez por todas unha situación que ano a ano está levando explotacións lácteas por diante”, asevera Porto.

O responsable de Área Externa de Unións tamén puxo o foco sobre o papel do goberno galego, e criticou que a Xunta de Galicia impulse liñas de axudas ás industrias sen ningún tipo de esixencia en relación ás obrigas destas cos produtores.

“Aumenta a produción, aumenta o consumo e o mercado dos produtos industrias marcha ben. Porén, as industrias resístense a que a mellora chegue aos prezos que perciben os produtores. Estamos nunha situación complicada e difícil. Cada vez a marxe das explotacións é menor, polo que estas se ven na obriga de producir máis para saír adiante”, explicou Porto. Que lembrou que nos últimos meses o custo de producir un litro de leite encareceuse en 1,5 céntimos fronto do aumento dos custos de alimentación do gando, enerxía e man de obra nas explotacións.

O responsable de Coordinación Sectorial de UUAA lembrou que tamén “a comercialización das vacas de desvelle e becerros atravesa un momento complicado, e os prezos teñen baixado considerablemente. Como tamén baixaron os ingresos procedentes da PAC que axudaban a compensar os baixos prezos do leite. Necesitamos algún tipo de mecanismo que evite o regueiro de impagos de primeiros compradores que vai quedando polo noso territorio, e que ano tras ano se traduce no peche de granxas”, remarcou.