Skip to main content
Comarca TERRACHÁXA

Queixas polo estado da vía que une Muimenta coa Pastoriza

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

O grupo provincial do PP, ao fío das queixas que recibe dos veciños, comproba as deficiencias das estradas que dependen da Deputación e cada día “confirma a necesidade de que se deseñe e execute un plan para a mellora das vías provinciais”. Nesta ocasión, como sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira,  os populares desprazáronse á Terra Chá, a petición de  varios veciños, “para comprobar o estado da estrada provincial LU-P 4401, que conecta Muimenta con Pastoriza, e discorre polos concellos de Cospeito, Castro de Rei e  a Pastoriza”. Castiñeira explica: “Puidemos apreciar que, efectivamente, ten moitas fochancas; é unha estrada bastante ancha, pero ten o firme moi mal. Parece que a propia Deputación intentou tapar os baches, pero volve haber fochancas, incluso en zonas perigosas, como na banda de rodadura dos dous carrís, o que obriga aos moitos vehículos que circulan  por esta vía a desprazarse ao carril contrario para evitar as fochancas”.

En opinión do portavoz popular, “a mellor proba proba de como está esta estradas son as numerosas reclamacións que chegan a Deputación por danos en vehículos”.

Castiñeira avisa ao presidente da Deputación de que “o PP vai seguir na súa liña de traballo en demanda de melloras nas estradas provinciais”. Será así -di- “por moito que lle pese ao presidente da Deputación e nos chame artistas callejeros; o de artistas quédanos moi grande, pero, do de callejeros, teño que dicir que estaremos alí onde nos pidan os veciños e, neste caso, son veciños das tres localidades que xa citei. Demandamos o arranxo do firme desa estrada  e que se deseñe canto antes o plan de estradas que vimos reclamando; nese plan podería incluírse o arranxo desta estrada”.

O portavoz popular manifestou: “Debe mellorar moito a xestión da área de Vías e Obras. Así o reclamaron os alcaldes  do PP días atrás petando no chan con cascos de obra, diante da Deputación, e o facemos hoxe  na LU-P 4401; seguimos petando no chan  para que a Deputación arranxe esta estrada o antes posible”.