Skip to main content
Abadín

O PSOE de Abadín di que as pistas de Fanoi están sen acondicionar

Por 22 Abril, 2021Sin comentarios

“As veciñas e veciños de Abadín sofren unha vez máis a incompetencia do alcalde, tras comprobar o estado das pistas da concentración parcelaria de Fanoi”. Así o dixo o voceiro socialista Pablo Díaz López, que mantivo contactos cos representantes da Asociación de Veciños de Fanoi, na que lles trasladou o seu malestar pola situación na que se atopan tódolos viais desta parroquia.

Díaz López advertiu ademais que este mesmo venres van a ser entregados os títulos da parcelaria de Fanoi aos seus propietarios, por parte da Conselleira de Medio Rural. “Polo tanto, non entendemos como o Alcalde non move nin un só dedo para reclamar á Xunta que acondicionen estas pistas antes de ser entregadas á veciñanza, xa que están completamente abandonadas, sen desbrozar e sen acondicionar”, criticou.

“Sabemos que dende a asociación de veciños trasladaron estas queixas ao Concello, pero como puidemos comprobar a dous días de entregar os títulos da parcelaria, en Fanoi non se fixo absolutamente nada. O alcalde e todo o Goberno seguen coa súa tónica de mirar cara outro lado cada vez que aparece un problema dun veciño”, dixo.

Neste punto Pablo Díaz lembra ademais a Comisión da Concentración parcelaria na que se puxeron enriba da mesa todas estas peticións. “Pero de tódalas promesas que se fixeron por parte do alcalde para mellorar e desbrozar estas pistas, non se cumpriu nin a primeira, todo segue abandonado”, remarcou.

Por último, o voceiro socialista argumentou que “Abadín merece un Goberno serio e responsable que atenda ás demandas e os problemas da veciñanza, e non títeres políticos que non escoitan aos seus veciños, por iso hoxe facémonos eco das súas peticións. Antes de entregar as parcelarias de Fanoi hai que cumprir co prometido e arranxar esta situación”, resumiu Pablo Díaz.