Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Firma do convenio para completar o abastecemento de auga a Castro

Por 24 Abril, 2021Sin comentarios

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado, o convenio de colaboración para completar a mellora da rede de abastecemento de auga potable do municipio, que suporá un investimento de 400.000 euros.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 320.000 euros. O Concello de Castro de Rei contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 80.000 euros.

As actuacións, cun prazo de execución de seis meses, serán financiadas no marco do Eixe REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Unha vez autorizado este acordo, Augas de Galicia estará en disposición de licitar as obras, para o que é preciso a consecución da documentación municipal comprometida, que inclúe someter o proxecto a información pública, así como pór á disposición os terreos necesarios.

As obras mellorarán as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial, para evitar os problemas de abastecemento que se producen en época estival.

Trátase dunha nova actuación, que lle dará continuidade as obras da primeira fase contratadas por Augas de Galicia, aprobadas nun convenio anterior co Concello, e que supoñen un investimento de preto de 630.000 euros.

Nesta primeira fase construiranse 2 tramos de tubaxe de abastecemento de  polietileno de alta densidade no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e inmediacións do termo municipal. Proxéctase tamén a execución de varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

As novas actuacións complementarán a primeira intervención e centraranse na execución dun ramal que, partindo dun tramo de condución que se vai desenvolver na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, emprégase unha condución de 1.529 metros con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.

A solución proxectada por Augas de Galicia deixará preparado para as actuacións que poidan ser necesarias cara ao futuro.

O proxecto no seu conxunto dará servizo a preto de 2.600 habitantes desta contorna para o ano 2040.

O Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan exercer as súas responsabilidades dun xeito eficiente.