Skip to main content
Guitiriz

O PP resalta un novo retraso nas obras da Casa da Botica

Por 13 Abril, 2021Sin comentarios

O PP resalta que o novo retraso nas obras da Casa da Botica de Guitiriz evidencia a falta de liderado e de xestión de Tomé en Vías e Obras e a necesidade de que deixe esta delegación.

“A Casa da Botica de Guitiriz acabou no chan debido á mala xestión efectuada pola Deputación de Lugo. Agora, a empresa adxudicataria das obras para converter o emblemático edificio nunha residencia de maiores renuncia á contrata. É necesario reformar o proxecto e licitar novamente a execución das obras. Retraso sobre retraso”, como lembra o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira: “A empresa contratista da construción dunha residencia para maiores na Casa da Botica de Guitiriz acaba de  renunciar ao seu contrato, firmado hai dous anos coa Deputación de Lugo; un auténtico  caos. Caeu a fachada, por falta de proteccións, despois de que este proxecto veña tendo unha malísima xestión durante moitos anos.  O edificio foi comprado polo Concello de Guitiriz no 2011 e en 10 anos o goberno da Deputación non foi capaz de xestionalo”.

Castiñeira sinala: “Os veciños de Guitiriz tiñan que estar desfrutando xa desta residencia e non vendo un dos seus edificios máis emblemáticos polo chan e que as obras están paradas. A paciencia dos veciños de Guitiriz está rematando e aumenta a desconfianza cos gobernos socialistas tanto do Concello de Guitiriz como da Deputación, que prometeron en innumerables veces, especialmente en épocas electorais, que ían construír unha residencia para maiores en Guitiriz. Pasados dez anos dende que se comprou este edificio, estamos peor que nunca, porque. estamos sen o  propio edificio e sen contrata, así como sen o proxecto definitivo”.

O portavoz popular considera que “as expectativas son moi malas posto que o presidente da Deputación anunciou que estará rematada  antes de que finalice o mandato, en 2023, algo que non convence nin ao PP nin aos máis interesados, que son os veciños de Guitiriz”. Engade: “Este é un novo retraso, que denota unha moi mala xestión da delegación de Vías e Obras da Deputación. Non nos cansaremos de pedir un cambio nesta delegación, posto que o liderado non existe por parte do presidente da Deputación e hai proxectos que están sendo moi mal xestionados, como anunciou o PP: Fogar de Santa María, este mesmo da Casa da Botica e outros moitos que non están a funcionar e non son capaces de resolver por falta de dedicación e liderado do delegado de Vías e Obra, o señor Tomé”.

Por todo elo, os populares piden “un cambio para que a Casa da Botica canto antes tome forma e dea o servizo  que piden todos os veciños de Guitiriz e que tanto se prometeu polos gobernos socialistas da Deputación de Lugo e do Concello de Guitiriz”.

Polo seu lado, o portavoz municipal do PP, Xosé María Teixido, sinalou: “Xa pasaron máis de dous meses da demolición do emblemático edificio por parte da Deputación; pero non se está facendo nada. A zona continúa chea de pedras. É unha vergoña para os veciños e veciñas que vemos polo chan unha das xoias do noso patrimonio arquitectónico e que, ante a parálise das obras na Casa da Botica, descoñecemos se imos contar cunha residencia para os nosos maiores”. Tamén di: “As cousas se fixeron mal ao comezar a arranxar o edificio de cara á construción dunha residencia de maiores sen tomar ningunha medida de protección coma o apuntalamento da fachada vendo o seu estado de deterioro”. Destaca que “sería moi negativo para Guitiriz que a residencia volva ser unha promesa electoral de cara ao 2023, porque  é unha dotación necesaria para os veciños e veciñas”.