Skip to main content
Guitiriz

O programa Xantar na casa chega a Guitiriz

Por 30 Abril, 2021Sin comentarios

O programa Xantar na casa únese ao Concello de Guitiriz, unha iniciativa que garante unha alimentación saudable a domicilio, coa que xa contan 188 municipios de toda Galicia e da que se benefician preto de 1700 persoas. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asinou coa alcaldesa desta localidade lucense, Marisol Morandeira, o convenio de adhesión a este programa. 

Perfecto Rodríguez sinalou que inicialmente o programa contará con dez beneficiarios, que seleccionará os servizos sociais do Concello. Esta cifra poderase incrementar en caso de haber máis persoas interesadas que cumpran os requisitos. A comida repartirase nos domicilios nunha única entrega semanal para as sete xornadas, polo que soamente deberán quentala antes de consumila. Ademais, a aquelas persoas que carezan de neveira ou microondas facilitaráselles os electrodomésticos necesarios para preservar estes alimentos.

Así mesmo, o xerente do Consorcio explicou que Xantar na casa está dirixido aos maiores, especialmente aqueles que viven sós, dependentes e persoas en situación ou risco de exclusión social. Tamén apuntou que con esta iniciativa ofrécese unha dieta equilibrada e adaptada ás necesidades dos usuarios, ao tempo que permite facer un seguimento individualizado da situación que viven e actuar, por medio dos servizos sociais municipais, ante posibles incidencias.

Implantación e investimento

Coa incorporación de Guitiriz, o Goberno galego segue a estender o Xantar na casa polos concellos pertencentes á comarca da Terra Chá, onde este programa xa se desenvolve en Abadín, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Muras, Vilalba, Xermade e agora tamén Guitiriz.

Esta iniciativa autonómica ten un custe de 2,3 millóns de euros ao ano, incluída a achega dos Concellos e tendo en conta que a Xunta financia o 50% do prezo dos menús; as entidades locais achegan o 25% e o outro 25% corre a cargo das persoas usuarias.

En concreto, o prezo de cada menú diario é de 6,60 euros, dos que a Xunta financia 3,08 euros; as entidades locais achegan 1,76 euros e os beneficiarios os 1,76 euros restantes.