Skip to main content
Muras

Acondicionarán un camiño de uso gandeiro en Muras

Por 14 Abril, 2021Sin comentarios

A área de Medio Rural financiará a reparación e mantemento dun camiño rural no concello de Muras. A vía, de acceso ao Pastizal dende o Campo do Cura na parroquia de Balsa, dá servizo as familias gandeiras da zona, que levan os animais ao monte.

Os traballos a realizar consisten na mellora da vía cunha capa de saburra de 20 centímetros e na limpeza e perfilado das marxes, ademais da limpeza dun paso canadiense. O proxecto conta cun orzamento de máis de 15.000 euros dos cales Medio Rural achegará 12.600

“Dende área de Medio Rural da Deputación de Lugo estamos a facer un esforzo para dotar de instalacións e medios suficientes aos concellos da provincia de Lugo para o mantemento das zonas rurais. Neste caso trátase dunha obra que repercute directamente na veciñanza dunha zona gandeira, centrada en actividades extensivas, un modelo polo que apostamos especialmente desde esta área polo seu valor ambiental e social e que é unha das sinais de identidade de Muras”

O alcalde Manuel Requeijo indicou que “se trata de melloras moi necesarias e demandadas pola veciñanza xa que este vial de algo máis dun quilómetro dá servizo a toda a parroquia da Balsa, onde 25 familias se desprazan a diario para acceder ás súas granxas e para desprazar o gando ao pastizal”

Segundo se establece no convenio, asinado pola deputada de Medio Rural e o alcalde de Muras na Casa do Concello, as obras deberán executarse antes de finais de xuño do presente ano.