Skip to main content
As Pontes

As Pontes inicia a catalogación do arquivo municipal

Por 20 Abril, 2021Sin comentarios

O Concello das Pontes iniciou a semana pasada unha nova fase de catalogación do arquivo municipal co obxectivo de preservar e mellorar a accesibilidade do patrimonio documental do consistorio.

Lorena Tenreiro, responsable de Organización Interna, subliña a importancia destes traballos que contan cunha subvención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, xa que permitirán “a protección e conservación do patrimonio histórico documental do Concello das Pontes e a posta en valor do arquivo municipal para, deste xeito, facelo máis accesible non só ao propio persoal senón tamén ao conxunto da cidadanía, deixando de ser un simple depósito para converterse en contido ao dispor da sociedade”.

Estes traballos permitirán levar a cabo a revisión de 1032 unidades documentais, de carácter administrativo e histórico (actas plenarias, planos, datos catastrais, etc), datadas a partir de 1836.

Así procederase á clasificación, ordenación e identificación dos fondos delimitando as series documentais para o que será preciso realizar, con anterioridade, traballlos de tratamento de expedientes (limpeza, eliminación de clips, carpetas, elementos de encadernación, etc.) de identificación dos mesmos e de subsitución das unidades (carpetas, arquivadores, caixas, etc…) nas que actualmente está depositada a documentación.

A continuación levaranse a cabo os traballos de identificación das series documentais co fin de integralas no cadro de clasificación do archivo municipal e procederase á creación de novas series a medida que resulten necesarias para posteriormente realizar a ordenación dos expedientes dentro das unidades de instalación.

O derradeiro paso será a descrición das unidades documentais de acordo coas normas de descrición arquivística ISAD (G) e NOGADA e a súa introdución no programa informático de xestión XARAL, adoptado como estándar por la administración autonómica.