Skip to main content
Vilalba

O Concello reparte unha revista con receitas do queixo San Simón

Por 5 Abril, 2021Sin comentarios

Coincidindo co que tería que ter sido o día de celebración da Feira do Queixo San Simón da Costa de Vilalba, o primeiro domingo do mes de abril, o Concello de Vilalba presentou a primeira revista de receitas do Queixo San Simón, formado por receitas de restaurantes e pastelerías de Vilalba, que non dubidaron en contar os seus segredos aportando algúns dos seus pratos elaborados con este produto tan vilalbés.

Este foi un dos actos organizados esta fin de semana alternativos á feira ao non poder celebrarse esta pola crise sanitaria.

Na revista colaboraron os locais restaurante A Nova Ruta, Hotel SPA Attica 21, A Casa das Xaquinas, Lar Os Píos, Restaurante Cervexería Lembranzas, Mesón do Campo, Parador de Vilalba, Ben Pasteleros e Pastelería A Confianza. Tamén contou coa colaboracicón do Consello Regulador e á Asociación de Queixeiros.

A revista comezou a repartirse xa onte e nela, ademais das receitas, recóllese información sobre a historia, elaboración e tradición deste queixo, así como todos os datos das queixerías para mercalo.

Para recoller o libro hai tres puntos, as propias queixerías sitas no Concello de Vilalba, os restaurantes e pastelerías colaboradoras e a Oficina de Turismo de Vilalba.

CONCURSO DE RECEITAS

Tamén se deron a coñecer as persoas gañadoras nas distintas modalidades do concurso de receitas convocado este ano. Así, na categoría de aperitivos gañou María Castelo Fernández polo Bombón San Simón e xamón ibérico con cobertura de Mencía. O prato principal foi para María Díaz Souto e a súa Lasaña galega con queixo de San Simón.

Na categoría de sobre mesa o premiado foi Anxo Fole Lamas polas Galletas de queixo de San Simón.

O vindeiro ano publicaranse todas as receitas propostas na revista que este ano recolleu receitas de restaurantes e pastelerías de Vilalba.

O xurado estivo formado polos membros da Asociación de Queixeiros de San Simón da Costae os criterios de valoración establecidos nas bases foron: presentación, orixinalidade, dificultade, técnicas e explicación.

As premiadas e o premiado recibirán unha cesta de produtos galegos incluído, por suposto, o Queixo de San Simón, valorada en 100 euros.