Skip to main content
Vilalba

PP e Vilalba Aberta únense para forzar as axudas a empresas

Por 12 Abril, 2021Sin comentarios

Os Grupos Municipais de PP e Vilalba Aberta solicitaron a primeira hora deste luns a convocatoria dun pleno extraordinario, co fin de “desbloquear a posta en marcha dun programa de axudas a autónomos e empresas para o Concello de Vilalba”.

Unha medida “de urxencia”, que tal e como explicaron os voceiros de ámbalas dúas formacións, chega como consecuencia da “irresponsabilidade dun goberno municipal” que – denuncian – “leva máis dun mes paralizando e dando largas” á convocatoria da terceira e última xornada da negociación acordada no Pleno Ordinario de xaneiro.

Así, lembraron, logo das dúas primeiras xuntanzas (4 e 8 de marzo), e “toda vez trasladada a vontade dos grupos da oposición de chegar a un consenso” pola vía dunha última reunión na que se lle dera voz aos sectores afectados; o goberno do PSOE suspendeu unilateralmente o avance.”

A petición, permite a Vilalba Aberta e PP forzar ao goberno a aceptar, ademais, a orde do día proposta, baixo obriga de convocar a devandita sesión extraordinaria nun prazo máximo de 15 días hábiles.

É por isto que, máis alá da aprobación da proposta de bases reguladoras que goberno e oposición tiñan xa acordada con anterioridade á paralización das negociacións, Vilalba Aberta e PP incluíron como segundo punto a incorporación dun total de 350.000 procedentes do remanente municipal, que, tal e como lembran, “se efectuará cos medios oportunos, unha vez rematada a liquidación do orzamento correspondente ao ano 2020, como garantía de que as axudas cheguen o antes posible á conta corrente dos autónomos e pemes vilalbesas.