Skip to main content
Axenda Caducada

O Iescha conmemora os 90 anos da proclamación da II República

Por 17 Abril, 2021Abril 24th, 2021Sin comentarios

O Instituto de Estudos Chairegos-Iescha, en colaboración co alumnado da Escola Municipal de Teatro e o Concello de Vilalba, celebrará un acto conmemorativo dos 90 anos da proclamación en Vilalba da Segunda República.  

Terá lugar o día 24 de abril, sábado, ás 12 da mañá, e desenvolverase no templete da Praza da Constitución -se fixese mal tempo levarase a cabo na Casa da Cultura-. En calquera caso, cumprirase estrictamente coa normativa anticovid estipulada por mor da pandemia; deste xeito, dende o Iescha, seguiremos apostando unha vez máis polo lema: A cultura é segura

No último Caderno de Estudos Chairegos – publicación bienal do Iescha, que vai polo número 10- Carlos Gómez Osa analiza polo miúdo a xeira republicana e a represión franquista na capital da Terra Chá no traballo titulado: Vilalba: A política na República e a represión franquista.  

Nel figura que “O día 24 de abril (de 1931) realízase no salón de actos da Casa Consistorial a  toma de posesión da Comisión Xestora, da que forman parte José Carballeira e Francisco Roca,  do comité republicano e Domingo Gayoso e Manuel Taboada, do comité socialista”

A prensa de entón publicou que “No medio dun gran entusiasmo izouse a bandeira tricolor no balcón do Concello aos acordes da Nova Lira e entre o disparo de potentes bombas. Varios veciños fixeron uso da palabra (…) Na Casa do Concello ondearon durante nove días as bandeiras republicana e galega”.