Skip to main content
Vilalba

Sandra Vázquez reunirase con diferentes colectivos socioeconómicos locais

Por 22 Abril, 2021Sin comentarios

A presidenta da xestora do PP de Vilalba, Sandra Vázquez, avanza “próximas reunións” da xunta xestora con distintos colectivos e representantes de distintos sectores, “unha vez que as autoridades sanitarias permiten certas xuntanzas atendendo sempre ás medidas de prevención en materia covid”.

Así o acordaron os membros da xunta xestora local nunha reunión de coordinación do traballo a desenvolver nas vindeiras semanas e de posta en común de ideas coas que pretenden contribuír a impulsar o municipio e apoiar aos distintos sectores.

Sandra Vázquez sinala que “a xunta xestora conta con distintos grupos de traballo relacionados con distintos ámbitos de actuación que, despois de desenvolver  xuntanzas telemáticas ou reunións de dúas ou tres persoas, continuaremos a impulsar distintas accións nas vindeiras semanas”.

Grupos de traballo 

Os grupos de traballo do PP local relaciónanse con distintos ámbitos de interese para o municipio de Vilalba como son: urbanismo, infraestruturas e seguridade que coordinarán Inma Ramudo e Pepe Franco; sanidade, servizos sociais e igualdade á fronte do que se atopan Agustina Fernández e Fany González; educación e medio rural que coordinará José Manuel López Barrio; iniciativa empresarial e polígono industrial, José Manuel Seoane “Carboeira”; turismo, feiras e mercados é a área que coordina Flor Rey; cultura, José María García-Leira; e deportes, Carlos Rivas.

A popular apunta que “seguimos traballando nun proxecto de futuro para Vilalba” e manifesta o seu desexo de escoitar as necesidades e demandas dos distintos colectivos sociais, veciñais, económicos, culturais e deportivos; así coma as dos  representantes dos distintos sectores que conforman o tecido empresarial vilalbés.

Vázquez explica, así mesmo, que “os concelleiros do Grupo Municipal Popular  seguimos traballamos e achegando propostas en beneficio dos vilalbeses e tamén facendo labores de control e fiscalización das accións do equipo de goberno”.