Skip to main content
Vilalba

Vilalba revisará o cumprimento da Lei de Memoria Histórica

Por 25 Abril, 2021Abril 26th, 2021Sin comentarios

O Goberno de Vilalba vén de anunciar que revisará o rueiro e outros bens públicos con referencias e simboloxía franquista que aínda permanecen no municipio para o cumprimento da Lei de Memoria Histórica. O primeiro paso será realizar un catálogo que recolla os elementos que incumpren esta norma tanto no viario público como noutros bens, paso previo marcado por lei para a súa retirada.

Deste xeito, segundo a Lei 52/2007, no seu artigo 15, as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas da exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura. 

O Concello de Vilalba asume o compromiso de realizar un informe sobre os elementos que aínda permanecen na localidade con simboloxía franquista, con nomes de persoas vinculadas polas súas condutas ou traxectorias a este momento histórico. Neste senso, desde o goberno local dan este primeiro paso no recoñecemento da dignidade das vítimas do franquismo co fin de facer valer os principios de verdade, xustiza e reparación “para poñer un punto e final ao franquismo neste concello”. Afirman que “Vilalba non pode ser unha excepción ao cumprimento da Lei de Memoria Histórica”, engadindo que “non existiría para o noso pobo unha democracia plena sen revisar os vestixios dunha ditadura que marcou un episodio negro en todas as localidades do país”.