Skip to main content
Vilalba

Un estudo do USC traza a historia do machada descuberto en Vilapedre no século XIX

Por 28 Abril, 2021Abril 29th, 2021Sin comentarios

Un estudo no que toman parte investigadores da USC traza o percorrido do único machado perforado de xadeíta alpina atopado en toda a Península Ibérica e que viaxou dende o Piamonte italiano, pasando pola Bretaña, ata chegar á parroquia vilalbesa de Vilapedre, onde foi descuberto no século XIX.

Hai máis de 6.000 anos fabricouse un machado a partir dunha rocha verdosa do Piamonte italiano dos Alpes. De man en man, esta peza acabou chegando á Bretaña, rexión na que foi modificada ao practicarlle unha perforación. Talvez encarando os perigos dunha travesía marítima, o machado arribou ao norte de Galicia. Esta é a conclusión á que chega o artigo que acaba de publicarse na revista Journal of Lithic Studies da Universidade de Edimburgo e que amosa –a través de análises mineralóxicas e elementais– como foi o percorrido deste exemplar puído descuberto a finais do século XIX nun punto indeterminado da parroquia lucense de Vilapedre, pertencente ao concello de Vilalba. Este machado trátase da única peza destas características atopada ata o de agora en toda a Península Ibérica.

A investigación, asinada polos investigadores da USC Óscar Lantes, Ramón Fábregas e Arturo de Lombera, así como por autores da Universidade Nova de Lisboa e do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) de Francia, describe o resultado das análises mineralóxicas (difracción de Raios X) e elementais (microscopía electrónica de barrido– espectroscopía de Raios X por enerxía dispersiva) realizadas tanto sobre o machado de Vilapedre como sobre diversas mostras de xadeíta e outras pedras verdes procedentes de diversos puntos dos Alpes italianos, onde estas materias primas foron explotadas durante o Neolítico (V-IV Milenios a.C.). O obxectivo consistía, precisamente, en servir de soporte para a manufactura de machados puídos que logo circularon por toda Europa, fundamentalmente entre o 5000 e o 3000 a.C.  

A través do mar

Os resultados destas análises confirman que a rocha verde na que está fabricada a peza atopada en Vilapedre, trátase dunha xadeíta que moi probablemente viña das inmediacións do curso alto do río Po ao seu paso por Revello, no Piamonte italiano, confirmando así as impresións de diversos especialistas feitas a partir da análise superficial desta peza ao longo dos últimos cincuenta anos. 

Porén, resulta moi probable que a devandita peza non viaxase directamente dende os Alpes ata Galicia. “O machado de Vilapedre foi transportado orixinalmente á Bretaña francesa, onde tería sido remodelado seguindo os gustos locais: puíndoo ata dotar á súa superficie dun brillo especular e sendo perforado na súa parte proximal ou talón, probablemente para ser empregado como adorno destinado a lucir pendurado no peito dalgún individuo prominente”, explica o profesor Ramón Fábregas. Dende a Bretaña viaxaría posteriormente ata o norte da provincia de Lugo, probablemente por mar, tal e como suxire a ausencia deste tipo de machados perforados noutras áreas ao sur do val do Río Garona.  

Aínda que a orixe exacta desta peza dentro da parroquia de Vilapedre continúa sendo unha incógnita, a revisión dos arquivos persoais do seu descubridor, o historiador vilalbés falecido en 1909, Manuel Mato Vizoso, suxire que o machado podería proceder dalgún dos túmulos existentes na parroquia homónima, como os que conforman a necrópole da Bouza ou Veiga da Garea.

Os resultados deste traballo, realizado no marco do proxecto ‘JADE 2: Objets-signes et interprétations sociales des jades alpins dans l’Europe néolithique, 2013-2016’ (ANR-12-BSH3-0005-01. Agence Nationale de la Recherche), constitúen unha proba máis da existencia de conexións e da circulación de obxectos entre dúas das principais Fisterras atlánticas, Galicia e Bretaña, dende polo menos o V ou IV milenio a.C.