Skip to main content
Vilalba

Presentan o proxecto de renovación do vial que comunica Samarugo e Corvelle

Por 29 Abril, 2021Sin comentarios

O concelleiro de Infraestruturas do Concello de Vilalba, Luis Fernández, presentoulle esta mañá aos veciños o proxecto de rexeneración integral do vial municipal que comunica as parroquias de Samarugo e Corvelle.

En concreto, Fernández estivo co pedáneo de Corvelle, José Grandío González, e o de Samarugo, José Ángel Río Vázquez, para explicarlles a actuación na estrada de titularidade municipal que comunica a zona sur da parroquia de Samarugo coa estrada provincial LU-P-6505, en Corvelle.

O tramo ten un percorrido lonxitudinal de 3.155 metros e un ancho medio de 3,80 metros. A actuación inclúe ademais darlle unha solución aos problemas de drenaxe existentes en dous puntos de vias municipais de Corvelle.

O paso do tempo, a acción da auga e o intenso uso do vial que comunica as dúas parroquias provocaron o seu deterioro, polo cal resulta urxente a actuación, xa que a falta de capas superficiais de pavimento dificulta o tráfico de vehículos e peóns, incrementando o risco de caídas ou accidentes. 

Por isto, a solución proposta para esta vía consiste na limpeza de noiros, a regularización da súa base e a pavimentación de toda a superficie con doble tratamento.

“É unha estrada moi transitada que necesita unha renovación de forma urxente, mellorando a seguridade viaria e dando resposta ás demandas dos veciños e veciñas de ambas parroquias”, explica o concelleiro de Infraestruturas.

Os traballos sairán a licitación a curto prazo e terán un orzamento próximo aos 57.000 euros. Forman parte do Plan Único da Deputación de Lugo e, unha vez adxudicadas as obras, a empresa adxudicataria completará a renovación do vial e solucionará os problemas de drenaxe no prazo dun mes.