Skip to main content
Xermade

O PP de Xermade pide solucións para o abastecemento de auga

Por 9 Abril, 2021Sin comentarios

O Grupo do PP interesouse no pleno que a corporación municipal de Xermade celebrou este xoves polo abastecemento de auga no municipio porque “presenta deficiencias a miúdo e situacións de perigo sanitario por unha falta de mantemento nas instalacións, mananciais, traídas, depósitos e fase de tratamento”, segundo manifestan.

O voceiro popular local, Antonio Riveira, sinala que “a auga de consumo presenta tamén diferentes sabores e olores de forma periódica debido á falta de tratamento nalgunhas ocasións e ao exceso de claro noutros momentos”. Outro exemplo recente é o de Roupar onde “fai uns días os veciños se preguntaban pola orixe do líquido branquecino que saía polos grifos de consumo domiciliarios”.

Preguntas

Os populares preguntaron polas actuacións realizadas polo goberno local para manter, mellorar e ampliar as instalacións. Concretamente, dende o Grupo Municipal do PP interésanse por saber se o alcalde ten coñecemento das deficiencias de calidade sanitaria nas traídas municipais, se hai orzamentadas ou previstas actuacións para a mellora do abastecemento e se está previsto algún protocolo para o control máis continuo da auga dos abastecementos e de aviso aos consumidores.