Skip to main content
Axenda Caducada

Mondoñedo acollerá un curso de verán da USC centrado na figura de Álvaro Cunqueiro

Por 20 Maio, 2021Xuño 26th, 2021Sin comentarios

Mondoñedo acollerá os vindeiros 25 e 26 de xuño un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela baixo o título de I Encontros Álvaro Cunqueiro. O camiño de quita e pon (1981-2021).

O curso, no que colabora tamén o Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro, conta amais coa axuda do Vicerreitorado de Coordinación do Campus de Lugo.

Estes I Encontros Álvaro Cunqueiro terán lugar no Auditorio Pascual Veiga, onde se reunirán ao longo de dúas xornadas unha trintena dos mellores especialistas na figura do grande escritor mindoniense.

Estes encontros han analizar a actualidade e a vixencia do legado de Álvaro Cunqueiro, do que agora que se cumpren os corenta anos do pasamento, os trinta anos da celebración do Día das Letras Galegas a el dedicado e os cincuenta anos da publicación de Xente de aquí e de acolá, entre outras efemérides.

A poesía, a narrativa, o teatro, a literatura xornalística en lingua galega, amais da obra en castelán e a súa relación con outros escritores han ser algún dos aspectos abordados nestes encontros, que contan con homologación oficial para as persoas asistentes ás que se lles certificarán dezaseis horas de formación, equivalentes a un crédito universitario.

Amais dunha conferencia inaugural e outra de clausura, estas xornadas contarán con diversos relatorios, mesas redondas, presentacións de obras, roteiros literarios e visitas guiadas.

Entre os relatores do curso cóntanse profesores de diversas universidades e centros de investigación galegos, ademais de membros de fundacións, críticos literarios, xornalistas e escritores.

O programa completo destas xornadas pode descargarse aquí: https://www.usc.es/export9/sites/webinstitucional/gl/servizos/cultura/veran/2021/27.pdf

O prazo de matrícula dos I Encontros Álvaro Cunqueiro comezou o pasado 10 de maio e estará aberto ata o 11 de xuño. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo na páxina oficial do Cursos de Verán da Universidade de Santiago de Compostela seguindo o seguinte vínculo: https://www.usc.es/gl/servizos/cultura/veran/#MONDO%C3%91EDO