Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mariña mantén as súas 18 bandeiras azuis

Por 12 Maio, 2021Maio 13th, 2021Sin comentarios

Este ano A Mariña contará con 18 bandeiras azuis segundo a información que deu a coñecer a Fundación Europea de Educación Ambiental. Así, todos os concellos da Mariña terán polo menos unha praia con bandeira azul este verán.

Galicia logrou 122 bandeiras azuis e España obtivo 713, das que 615 son praias, 96 portos deportivos e dous en embarcacións turísticas sostibles, liderando así o ranking mundial. En Galicia, a praia de Lago das Pontes obtivo o distintivo por primeira vez.

Foz foi o que máis distincións conseguiu, xa que con cinco areais a bandeira ondeará en A Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás. Os seguintes concellos con máis bandeiras son Barreiros e Burela con tres, as de Acantilado-Remior, Coto e A Pasada no concello barreirense e A Marosa, O Portelo e Ril no burelés.

Despois atópase Ribadeo con dúas, As Catedrais e Os Castros-Illas, e O Vicedo con Xilloi e Abrela. Seguidos da praia de O Torno de Cervo, Area en Viveiro e Esteiro en Xove.

O alcalde de Burela, Alfredo Llano, fai un balance positivo e indicou que é froito do bo traballo que se está a realizar desde o Concello. “Nos areais o Concello de Burela procura ter os servizos sempre atendidos perfectamente, tanto de seguridade a través dos socorristas como tamén doutro tipo de cuestións que son necesarias”, engadiu.

“O turismo de natureza e praia será un piar fundamental este ano, no que xa vemos a luz ao final do túnel desta pandemia, polo que desde o Concello estamos moi satisfeitos pola bandeira azul para Area”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou de xeito moi positivo os recoñecementos e dixo que “o Sendero Azul do Torno tamén contará con esta insignia, por sexto ano consecutivo e quixo felicitar tamén de novo a Paco Fra, porque a súa Carpintería de Ribeira, única na provincia de Lugo, foi recoñecida por cuarto ano consecutivo como Centro Azul “pola súa contribución á divulgación en materia medioambiental, realizando un traballo artesanal respectuoso coa contorna”.

O concelleiro de Medio Ambiente de Ribadeo, Jorge Díaz Freije, fai unha valoración positiva das bandeiras azuis que veñen de conseguir as praias ribadenses, así como o paseo que vai desde o faro da Illa Pancha ata As Aceas. Díaz dixo que “desde o Concello valoramos positivamente recibir estas bandeiras azuis un ano máis. E tamén queremos felicitar ao Club Náutico de Ribadeo pola súa e polo traballo que realizan. Estamos contentos por recibir estes galardóns. A ver cómo se presenta este verán, cunha porcentaxe importante da poboación vacinada”.