Skip to main content
Comarca AMARIÑAXADeportes AMARIÑAXAFoz

Os clubs de atletismo mariñaos únense para reclamar unha pistas

Foz acolleu unha nova reunión dos representantes de todas as entidades deportivas da comarca da Mariña vinculadas ao mundo do atletismo e as súas diferentes modalidades. Todos os clubs mariñaos presentes nesta xuntanza decidiron, sen excepción, unir os seus camiños e esforzos para que a comarca da Mariña conte, a non moito tardar, cunhas pistas de atletismo.

Deste xeito, as seguintes entidades: Club Atletismo Ría de Foz, Club Atletismo Ribadeo, Club Atletismo Lourenzá, Club Atletismo Burela, Club Deportivo Egobarros Viveiro, Peña Lar Viveiro, Toxiza Clube de Montaña e S.D. Albións A Pontenova asinaron un manifesto onde expoñen, de xeito razoado e argumentado, a súa solicitude e instan ás diferentes administracións (Concello de Foz, Deputación Provincial de Lugo, Xunta de Galicia e Federación Galega de Atletismo) a que traballen, de xeito real e decidido, para facer posible a creación dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña.

A seguir, pódese consultar a totalidade do manifesto asinado polos clubs mariñaos:

“A Mariña unida por unhas pistas de atletismo

O título deste manifesto recolle dúas premisas ben certas: A comarca da Mariña precisa, de xeito prioritario, dunhas pistas de atletismo e esta necesidade fai que diferentes entidades deportivas, vinculadas ao mundo do atletismo e as súas diferentes modalidades, unan os seus camiños para facer posible esta demanda.

As entidades deportivas, e representantes do mundo do atletismo, abaixo asinantes diríxense ás entidades públicas correspondentes (Concello de Foz, Deputación Provincial de Lugo, Xunta de Galicia e Federación Galega de Atletismo) para trasladarlles o seguinte argumentario, moi meditado e razonado, que sustenta a súa solicitude:

-O atletismo é un deporte que conta, en todas as súas modalidades, cada vez cun maior número de seguidores, cunha base sólida e consolidada na nosa comarca de clubs e atletas. Proba disto son a creación dun maior número de clubs, o aumento exponencial da cifra de licenzas deportivas (tanto a nivel de categorías inferiores como absolutas) e o alto número de eventos deportivos relacionados con esta práctica.

-O feito de carecer dunhas pistas de atletismo de referencia na comarca dificulta que os atletas poidan competir en igualdade de condicións cos que si teñen a posibilidade de adestrar nunhas. Mérito engadido ao traballo que xa se está a facer.

-Os atletas mariñaos teñen que realizar viaxes de ida e volta dunha media de 2h30 de duración, como mínimo, para poder seguir os seus programas de adestramento por carecer dunhas pistas de atletismo.

-A creación dunhas pistas de atletismo na nosa comarca, ademais de potenciar a parcela deportiva, contribuiría a estimular a vida económica da nosa comarca (hostelería, hospedaxe, restauración, etc.), posto que abriría a posibilidade de acoller a organización de diferentes probas de carácter comarcal, autonómico ou estatal nestas instalacións.

-Axudaría, ademais, de maneira fundamental ao traballo coa base. A comarca da Mariña converteríase, así, nun viveiro de atletas que puidesen ter unha longa e, por que non soñar, exitosa vida deportiva. Por non sinalar o impacto positivo que tería na vida escolar dos centros educativos da comarca.

-Deste xeito, consideramos que o concello de Foz, como centro neurálxico da comarca da Mariña, cumpre os requisitos para ser a ubicación lóxica e racional destas futuras pistas de atletismo. Máis aínda cando se dispón dun estudo profesional que acredita na viabilidade do proxecto nesta vila.

Finalmente, instamos a todas as administracións públicas implicadas en facer realidade este proxecto (Concello de Foz, Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e Federación Galega de Atletismo) a que traballen, dun xeito real e decidido, para facer posible a creación dunhas pistas de atletismo na comarca da Mariña”.