Skip to main content
Axenda Caducada

A Tradescola organiza un certame de debuxo

Por 15 Maio, 2021Maio 31st, 2021Sin comentarios

O certame de debuxo O Baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega é unha iniciativa posta en marcha pola Tradescola, escola de música e  baile tradicional xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos na cidade de Lugo, en  colaboración coa Deputación e que acada este ano a súa oitava edición.

A finalidade desta actividade, dirixida ás nenas e nenos de primeiro, segundo e terceiro curso de  primaria dos centros de ensino da provincia de Lugo, é potenciar e difundir entre os máis  pequenos o baile e a música tradicional galega, axudar a que coñezan os nosos instrumentos, a  nosa historia e costumes dun xeito natural dende os primeiros anos, fomentando actitudes de  respecto e valoración da mesma.

É necesario que se produza un proceso de transmisión da cultura, o que constitúe unha garantía  da conservación das tradicións e, en definitiva, do noso patrimonio cultural.

A Tradescola constitúe un proxecto educativo xestionado pola Asociación de Gaiteiros Galegos que busca formación para todas e todos aqueles que queiran achegarse á música e  ao baile tradicional galego. A maiores, organiza actividades complementarias vencelladas coa difusión da cultura tradicional, como é o caso deste VIII Certame de debuxo, O baile e os Instrumentos da Música Tradicional Galega, co que ademais de fomentar o coñecemento da cultura musical, axúdase a potenciar as destrezas manuais e a imaxinación dos rapaces.

Os debuxos e os dorsos dos debuxos, deberanse enviar (escaneados ou fotografiados) por  correo electrónico á Tradescola (tradescola@gaiteirosgalegos.gal) ata o 31 de maio de 2021.

O xurado do certame estará composto por membros do profesorado da Tradescola, que  seleccionarán un total de 10 debuxos finalistas que serán premiados cun lote de material  didáctico. Dos 10 debuxos finalistas, seleccionarase un gañador que recibirá un premio  consistente na matricula de balde nunha materia na Tradescola no curso 2021/2022. O centro  educativo ao que pertenza o gañadoro, terá tamén un agasallo a maiores, consistente nun  concerto didáctico de música tradicional a cargo da Tradescola no curso 2021/2022.