Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Deputación gaña no voto popular da Copa España Creativa 2020

Por 27 Maio, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo gañou a fase do voto popular da Copa España Creativa ao recibir 22.000 apoios, o 35,6% total, moi por diante do segundo posto, tal e como anunciou este martes nunha rolda de prensa a organización deste certame estatal, que recoñece as iniciativas máis creativas e innovadoras do país para o desenvolvemento sostible do territorio e no que participan autonomías, concellos, deputacións, colectivos profesionais, universidades ou asociacións sen ánimo de lucro de toda España. A institución provincial concorre co seu proxecto para a recuperación e posta en valor dos soutos da Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

O proxecto presentado pola Deputación de Lugo, que participa na categoría Creatividade e Innovación Social e Territorial, foi o que tivo un maior apoio entre os 20 finalistas nesta primeira fase de votación, que supón o 40% do resultado final, mantendo unha diferencia de máis de 10 puntos respecto á proposta que quedou en segunda posición. A organización destacou neste sentido “a excelente difusión institucional” realizada pola institución provincial.

O gañador coñecerase no Fórum Orihuela 2020, que se celebrará a no mes de setembro, logo de que tivera que ser adiado para esa data debido á crise sanitaria. Nese evento, a Deputación de Lugo, xunto co resto de finalistas, presentará a súa iniciativa ante o xurado experto e que sumarán a súa puntuación, un 60% do voto final, aos resultados populares.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, celebrou a importancia deste apoio que demostra que se está a desenvolver “un bo traballo na provincia compaxinando a protección e o coidado do medio ambiente co desenvolvemento social e económico sostible do territorio para xerar riqueza e emprego, e para fixar poboación no rural”.

Así mesmo, o mandatario provincial afirmou que “demos o primeiro paso para obter este  recoñecemento que contribuirá á proxección da riqueza medioambiental do noso territorio a nivel nacional e internacional, algo especialmente importante nestes momentos de crise provocada pola pandemia da Covid-19”.

A Deputación de Lugo defenderá o proxecto ante o xurado o segundo día do Fórum Orihuela 2020, o venres 24 de setembro. A candidatura que resulte gañadora será a encargada de organizar un evento de primeiro nivel con representantes de toda España de diferentes ámbitos e, ademais, ocuparase da celebración da Copa de España Creativa 2021.

O proxecto presentado

O proxecto da Deputación ten como obxectivo a recuperación, conservación e aproveitamento económico sostible dos soutos existentes na Reserva da Biosfera Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, dentro do “compromiso e o traballo que desenvolvemos dende esta institución provincial para xerar riqueza e emprego sostible no rural lucense, e fixar así poboación, aproveitando para iso os recursos naturais propios”, destacou o Presidente.

O traballo foi desenvolvido en colaboración coa cooperativa ancaresa A Carqueixa, membro do órgano de participación da Reserva, e integra tres liñas de actuación: a elaboración dun mapa dos bosques de frondosas autóctonas que, segundo os labores desenvolvidos representan o 28% da Reserva con 15.000 hectáreas; a elaboración dun mapa de masas de castiñeiros que, con preto de 5.000 hectáreas, supoñen o 9% deste espazo natural e das cales 1.000 hectáreas están catalogadas como monte comunal de titularidade municipal; e a identificación da verdadeira propiedade dos montes comunais dos soutos de Vilor, en Navia de Suarna, e Vilaver, en Cervantes, para proporcionar a seguridade xurídica que posibilite a súa explotación e conservación.

A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, e contribúen á conservación de hábitats protexidos e ao mantemento da súa biodiversidade.

España Creativa

A Deputación forma parte da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España como socia fundadora. Esta entidade foi constituída en 2016 en Monforte de Lemos e entre os seus principais obxectivos está a mellora na xestión da diversidade cultural de España e a cohesión social, potenciar a innovación como modelo de desenvolvemento e o turismo cultural e creativo, impulsar todos os sectores da economía a partir do valor engadido da cultura e favorecer o diálogo entre territorios.