Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

Os concellos do Eo elaboran un mapa de produtores de alimentación sostible

Por 28 Maio, 2021Sin comentarios

Está aberto ata o 15 de xuño o prazo para participar na creación dun mapa de produtores de alimentación sostible do Eo.

Os Concellos da bacía do río Eo: Ribadeo, Trabada, Barreiros, A Pontenova, San Tirso de Abres, Vegadeo, Castropol, Taramundi e Tapia de Casariego veñen de impulsar a Estratexia Alimentaria Participativa do Eo, “un proceso aberto a toda a cidadanía co que se busca de xeito colectivo determinar como mellorar a cadea alimentaria da bacía do río Eo”.

A través desa estratexia definiranse cales son as formas de produción e consumo máis sostibles para este territorio, así como han determinarse as accións que deben estar dirixidas a acadar unha renda digna para os produtores. “Trátase de prestar atención, por un lado, a quen, en que condicións, como e onde se producen, comercializan e distribúen os alimentos e, por outro lado, é importante tamén pensar en quen, onde e como se asume a corresponsabilidade de garantir esta alimentación”, explican desde Eo Alimenta.

Entre as accións que se están a desenvolver no marco desta estratexia, está a creación dun Mapa de Axentes Alimentarios Sostibles da zona do Eo: “este mapa permitirá coñecer quen son e onde están os produtores agroalimentarios, o que axudará a darlles unha maior visibilidade. Para a creación deste Mapa colaborativo está aberto ata o 15 de xuño un formulario na web www.eoalimenta.org, onde tanto os produtores, como distribuidores de alimentos de cercanía poden rexistrar a súa información”.

E engaden: “unha vez se complete o Mapa visibilizarase a través da web de Eo Alimenta e farase unha tirada de máis de 1000 panfletos informativos que serán distribuÍdos nos restaurantes e bares da zona, co obxectivo de que o sector da hostalería teña máis información da localización dos produtores”.

Ademais este sábado, 29 de maio, ás 12:00 terá lugar na Casa da Cultura de Vegadeo (Asturias) a xornada sobre Xénero e Sistema Agroalimentario, na que se contará coa presenza de Isabel Vilalba, labrega e secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e Isabel Feito, investigadora do programa forestal Serida.