Skip to main content
BurelaDeportes AMARIÑAXA

A sexta Copa Galicia xa loce na vitrina burelesa

Por 16 Maio, 2021Maio 17th, 2021Sin comentarios

A sexta irmandiña xa pode lucir na vitrina laranxa. O Pescados Rubén Burela FS demostrou unha vez máis o seu xen gañador impoñéndose na final da XIV Copa Galicia ao Ourense Envialia (5-1).

As mariñás encamiñaron xa a reafirmación do título de Riazor 2019 nos primeiros segundos, estreando o luminoso en estratexia, nunha falta iniciada por Cami e culminada por Peque. Vane freou co pé a Dany antes de chegar á medianía do primeiro acto; tamén avisou pouco despois o entendemento entre Peque e Cami. Volveu rozar o segundo o conxunto de Julio Delgado no 13 cun pase de Ale de Paz a Leti que soubo cortar Jenny Lores. Con moitos atrancos na finalización, as ourensás non conseguiron crear perigo na rede de Sandra, tan só nunha falta un pouco antes e sobre o 15 con Laura Uña. No minuto 17, Bea Mateos deulle o merecido tanto ao Pescados Rubén para subir o 2-0 en complicidade con Jane, que entrou pegando no poste. 

Ale de Paz en carreira, nun disparo cruzado rozou o terceiro na volta ao parqué, cun Ourense que tamén se amosou con máis protagonismo xerando ocasións. Jozi tivo que aplicarse ata en tres ocasións frente a Iria Saeta. No 25, unha man prodixiosa de Vane evitou que as Guerreiras ampliasen a fenda fronte a Leti Cortés nun disparo que tocou en Jenny Lores. Peque quixo sorprender por arriba superado o 30 de xogo; tamén tivo unha de ouro Luísa Mayara fronte ao esforzo das da cidade das Burgas. Foi precisamente a capitá laranxa a encargada de selar o 3-0 sorteando a Vane ao bordo da área no minuto 35. Respondeu Envialia con xogo de cinco sen éxito As Guerreiras distanciáronse ata o 5-0 en tan só dous minutos, con Dany aproveitando un saque de banda de Iria Saeta e despois con Leti a porta baleira. O gol da honra para as das Burgas púxoo María a pouco menos de dous minutos para a bucina final. 

Regreso á liga

O Pescados Rubén Burela FS retomará os compromisos ligueiros o vindeiro sábado, 22 de maio, coa visita de STV Roldán FSF a Vista Alegre na penúltima xornada da segunda fase (12.30 horas).