Skip to main content
Deportes AMARIÑAXARibadeo

Ribadeo acolle o 3º Torneo Inter Escolas de Ximnasia Rítmica

Por 22 Maio, 2021Sin comentarios

Ribadeo acolle o 3º Torneo Inter Escolas de Ximnasia Rítmica na súa fase norte. No campionato daranse cita unhas 120 ximnastas de 6 clubs da provincia de Lugo e da Coruña. O evento, organizado polo Club Marusia coa colaboración do Club Porta Norte de Ribadeo, dará comezo ás nove e media da mañá e terá lugar no pavillón municipal.

A responsable do Club Porta Norte, Nelly Bouso, explicou que “é unha parte do torneo Inter Escolas, que se realiza entre todos os clubs de Lugo. Compiten as nenas do nivel máis baixo de competición das escolas, as nenas que se inician neste deporte. O que celebramos nesta ocasión é a fase norte, compiten as ximnastas da provincia de Lugo e da Coruña. Aproximadamente van participar unhas 120 ximnastas. Están divididas en tres quendas de competición para non superar os aforos e cumprir así o protocolo covid. En cada quenda aproximadamente compiten unhas 40 ximnastas. Na primeira competirán as que participan na modalidade individual e nas dúas seguintes as ximnastas dos conxuntos. En total somos seis clubs da provincia da Coruña e Lugo, que somos os super vivintes que quedamos despois da pandemia”.

Nelly Bouso contou que “a primeira quenda de competición comezará ás nove e media da mañá, empezarán a chegar as ximnastas a partir das nove menos cuarto. Hai acceso de público, pero restrinxido. Soamente poden entrar aqueles familiares directos das ximnastas que se rexistraron con anterioridade, que nos facilitaron os seus nomes e DNI, e que están apuntados para poder asistir. Son un máximo de dúas persoas por ximnasta. A segunda quenda empezará sobre as doce da mañá e a última sobre as dúas da tarde. Contamos que todo estea rematado sobre as tres”.