Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Iniciadas as obras de mellora do edificio da nave de redes do porto de Burela

Por 15 Maio, 2021Sin comentarios

Iniciáronse as obras acondicionamento e mellora do edificio da nave de redes do porto lucense de Burela nos que a Administración autonómica está a investir 270.000 euros. 

A presidenta de Portos de Galicia explicou que o obxectivo desta actuación pasa por renovar e adaptar o inmoble, que conta con 40 anos de antigüidade, e habilitar nel novas dependencias para mellorar as condicións de traballo dos seus usuarios. O prazo de execución das obras estímase en tres meses polo que se prevé que poidan estar rematadas durante o verán. 

Os traballos previstos inclúen a substitución da cuberta e da chapa metálica das fachadas, nas que se colocarán paneis prefabricados de formigón armado. Na parte alta instalaranse tanto paneis translúcidos, que permitirán a iluminación natural do edificio, como un lucernario. Así mesmo, substituiranse as portas de acceso do exterior por portas corredizas e renovarase por completo a instalación eléctrica. 

Finalmente, o proxecto recolle tamén o saneado da estrutura mediante a limpeza, desoxidado e substitución dos elementos auxiliares ao tempo que se instalará un novo aseo e un almacén na zona central da nave. Esta parte independizarase do resto mediante a colocación de portas corredizas. 

A presidenta de Portos de Galicia lembrou que esta actuación se suma a outra gran inversión recente na zona, a segunda fase de ampliación do abrigo de Burela. O ente público investiu nesta actuación, que quedou rematada en decembro de 2020, arredor de 1,2 millóns de euros. En total, Portos de Galicia leva investidos 1,7 millóns de euros en Burela no último exercicio.