Skip to main content
Mar AMARIÑAXAViveiro

Portos de Galicia ratifica o seu compromiso co porto de Celeiro

Por 22 Maio, 2021Sin comentarios

A Consellería do Mar deu a coñecer no Parlamento as diferentes actuacións proxectadas para o porto de Celeiro por importe doutros 1,1 millóns de euros.

A presidenta do ente público, Susana Lenguas, lembrou que o seu departamento investiu máis de 1,5 millóns de euros en melloras portuarias en Viveiro nos últimos meses. Entre estas destacou a dragaxe da dársena pesqueira, deportiva e a canle de acceso ao porto, as melloras na nave de redes de cerco e o derrubamento dos galpóns no peirao vello, dando lugar a unha zona de aparcadoiro público.

Ademais, avanzou que de cara ao futuro Portos de Galicia ten proxectadas actuacións por importe doutros 1,1 millóns de euros. O ente público está a traballar nos proxectos de ampliación de prazas de amarre para o sector profesional, o acondicionamento da nave de redes do peirao norte e o cambio da cuberta do edificio náutico-pesqueiro do porto. Tamén está previsto a medio prazo o reforzo do dique de abrigo, cuxo proxecto vén de ser adxudicado.