Skip to main content
Mar AMARIÑAXA

O BNG presenta iniciativas para evitar a suba do combustible no sector pesqueiro

Por 30 Maio, 2021Sin comentarios

Desde o BNG anuncian a presentación de iniciativas e mocións no Parlamento e nos concellos, “diante da posible e mais que segura” suba dos combustíbeis no sector pesqueiro se se confirman os propósitos da UE “e a condescendencia do Estado Español”.

Como indican, un  dos obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel (ODS) da ONU é a regulación das axudas públicas para o sector pesqueiro, que forma parte dende hai anos das reunións da Organización Mundial do Comercio (OMC) como organismo responsábel de buscar o acordo entre os 164 países que a compoñen. “Trátase dun debate que non é sinxelo e cuxas conclusións poderían ter un impacto importante na pesca galega”.

Nestes momentos existe un borrador de texto sobre o que se está negociando e o obxectivo é o de lograr un acordo antes da vindeira conferencia ministerial da OMC, inicialmente prevista para o 15 de xullo.

Explican que o documento sobre o que se está a traballar inclúe importantes cambios sobre as regras que actualmente rexen as axudas que recibe o sector pesqueiro. Entre os máis importantes figuran os que se producirían sobre as exencións fiscais aos combustíbeis, que quedarían eliminadas, baixo o argumento de moitas das partes que compoñen a OMC que defenden, sen entrar noutras consideracións, que son subsidios nocivos que fomentan a sobrepesca.

Coa adopción das medidas que propón a UE, podería duplicarse o prezo dos combustíbeis da pesca.

En España, o prezo do combustíbel pesqueiro é de 45 céntimos o litro “e, de aprobárense as medidas propostas, podería chegar a dobrar o seu prezo, o que suporía, unha vez máis, un novo ataque ao sector sen ter en conta nin a súa importancia económica nin moito menos a súa implantación e importancia social en moitos territorios altamente dependentes del, nomeadamente o galego”, afirman.

Daniel Castro, deputado mariñao que xunto coa deputada Rosana Pérez presentou a iniciativa no Parlamento, manifestou que  “estamos pois diante dunha serie de accións que, de levarse a cabo, supoñerían un duro golpe para o sector do mar, nomeadamente para a frota de baixura, outro máis que habería que engadir aos que xa se vén vendo sometida dende hai anos e que farían definitivamente inviábel o mantemento da actividade en moitos casos”  e afirmou tamén: “ao noso entender, Galiza e A Mariña non pode seguir permitíndose actuacións deste tipo que aboquen paulatinamente a unha das principais frotas da UE á súa desaparición e nunha comarca coma a nosa altamente dependente da pesca e con centos de embarcacións, polo que  dende a Xunta débese defender con firmeza a un sector que proporciona miles de postos de traballo directos e indirectos e que é sostíbel medioambientalmente”.