Skip to main content
Barreiros

Barreiros mellorará a rúa de baixada ao centro social de San Cosme

Por 8 Maio, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, vén de anunciar que o Concello de Barreiros  realizará un investimento de máis de 90.000 euros en obras de mellora e humanización da rúa de baixada ao centro social de San Cosme. 

Coa execución destas obras preténdese dotar ao centro de San Cosme dunha zona máis humana, na que as persoas teñan espazo seguro por onde camiñar; ampliando as beirarrúas e instalando mobiliario urbano que converta a rúa nunha zona urbana atractiva para o seu uso pola veciñanza. 

A alcaldesa explica que se trata dun proxecto humilde, pero que se insire no obxectivo de que os núcleos de poboación sexan polos nos que desenvolver vida e no que as persoas estean no centro.

A rúa que baixa ao centro social, onde ademais tamén se atopa o centro de saúde, dá ademais acceso ao colexio de primaria e á escola infantil e está situada no centro da parroquia con todos os servizos ao seu carón. 

Ana Ermida sinalou que se están facendo “pequenas actuacións coas que se pretende dotar a San Cosme dun centro urbano de uso para as persoas, xa que ás obras que se levarán a cabo nesta rúa, súmanse as que se realizarán no Teleclub, xunto coa  habilitación do parque de skate e á instalación dunha zona de ocio a carón do colexio público.” A alcaldesa manifesta que se trata de “converter os cascos urbanos en espazos seguros e atractivos para fomentar a socialización e a dinamización, neste caso, de San Cosme.”

Para o finanzamento de ditas obras, o Concello de Barreiros conseguiu unha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio por un importe de 64.110,45 €, nunha convocatoria de axudas non competitivas que se concedían por orde de entrada, ao tela solicitado ás 00:08 do mesmo día que se abría o prazo para a solicitude; esgotándose o crédito ás 00:09:45 e quedando sen axuda todas as solicitudes posteriores.