Skip to main content
Barreiros

Comeza a última fase das obras da estrada da costa de Barreiros

Por 14 Maio, 2021Maio 15th, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, acompañados da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, e a tenente de Alcaldesa, Carmen Veiga, supervisaron os traballos de renovación da vía provincial LU-P-0610, unha estrada paralela á costa do municipio mariñán.

Finalizado o estendido de aglomerado, procederase ao pintado e instalación da sinalización vertical na vía. A Deputación inviste 91.300€ nesta actuación, que afecta a o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 3,400 e 5,400.

O Presidente avanzou que xa se está tramitando o proxecto para a mellora doutro tramo desta estrada estratéxica para Barreiros e a comarca da Mariña -entre os quilómetros 1,400 ao 3,400-, e reiterou o seu compromiso de que neste mandato quedará totalmente renovada.

Esta vía, paralela á costa de Barreiros, é o enlace entre as praias de Altar e Reinante e a glorieta da praia das Catedrais, sendo unha estrada que dá servizo a numerosos veciños e veciñas e visitantes que se achegan aos areais barreirenses. “Durante todo o ano son moitas as persoas que empregan esta vía, pero no período estival a circulación é moito maior e esta mellora aumentará a seguridade viaria”, destacou o mandatario provincial.

“Dende a Deputación consideramos que a rede viaria provincial é unha das liñas de actuación prioritarias, tal e como queda demostrado nos Orzamentos, nos que en 2021 aumentan os fondos para este fin nun 14%, ata chegar aos 16M€”, sinalou Tomé Roca. Así mesmo, recordou que “a mobilidade é un dereito máis da cidadanía, e manter en bo estado as comunicacións por estrada é imprescindible para favorecer a igualdade de oportunidades e o equilibrio territorial, e, polo tanto, para fixar poboación no rural”.