Skip to main content
Barreiros

Barreiros contará cunha pista multideporte en San cosme

Por 18 Maio, 2021Sin comentarios

A Xunta de Goberno de Barreiros vén de dar luz verde ao texto dun convenio de cooperación coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia para  a instalación dunha pista multideporte en San Cosme. 

O proxecto aprobado está valorado en 29.938,17 euros, nos que se inclúen as labores de adecuación da zona lindeira ao colexio para a dotación dunha zona de esparexemento e xogos; dos cales a Xunta de Galicia aporta 20.000 euros e os 9.938,17 restantes se financian con cargo ao orzamento municipal de Barreiros.

A alcaldesa explica que esta actuación persigue o obxectivo de “dotar a San Cosme dunha zona urbana con servizos para todas as idades e, especialmente, para as nenas e nenos dunha idade na que xa non fan uso do parque infantil, pero precisan os seus espazos de ocio.”

Esta actuación súmase á recente instalación dunha zona de compostaxe comunitaria e á colocación próxima da pista de skate na parte traseira do teleclub. Ana Ermida insiste en relacionar “todas as obras que se proxectan no centro de San Cosme -como a humanización da rúa do centro social ou a rehabilitación das antigas escolas e o teleclub- como un proxecto ambicioso de facer do núcleo urbano de San Cosme un espazo no que as persoas dispoñan de servizos e zonas nos que a vida sexa máis cómoda, sendo así máis atractivo.”

A pista que se instalará tras a sinatura do convenio entre as dúas administracións e o proceso de licitación correspondente, consistirá nun espazo con peche perimetral para protexer as nenas e nenos no que se intalarán canastas e porterías para o xogo ao aire libre. 

A alcaldesa valorou positivamente a cooperación interadministrativa que está a conseguir o Concello de Barreiros con outras administracións, que permiten levar a cabo obras e dotar de servizos que a administración local en solitario non podería afrontar; como por exemplo o abastecemento da zona de Remior –nos que a delegación de medio rural da Deputación Provincial aporta 175.000 euros- que se atopa neste momento en licitación para a súa execución.