Skip to main content
Barreiros

Barreiros denunciará a Telefónica tras tres días sen servizo no Concello

Por 22 Maio, 2021Maio 23rd, 2021Sin comentarios

O Concello de Barreiros vén de anunciar que denunciará formalmente a Telefónica Empresas tras sufrir durante tres días un problema no servizo que deixou sen teléfono e datos a Casa do Concello.

A alcaldesa explicou que durante a mañá do martes se lle notificou á empresa unha incidencia, debido a problemas na liña telefónica que non foron solucionados e que mantiveron ao Concello de Barreiros sen liña telefónica e sen internet ata as 12 da mañá de hoxe mesmo, momento no que quedou máis ou menos solventada a incidencia.

A falta de dilixencia na atención dunha avaría deste calado nunha institución como é o Concello de Barreiros é especialmente importante, xa que supón paralizar practicamente por completo a vida municipal, ao fallar servizos tan básicos como o rexistro público ou a atención telefónica á veciñanza. “Que nos tempos de hoxe, cando se presume dunha administración áxil e dixital se estea á expensas da dilixencia dunha empresa -da que, á vista dos acontecementos, carece- é unha absoluta indefensión non só para as administracións, senón para a poboación en xeral. E está claro que se as empresas abusan da súa situación no mercado; na medida das posibilidades, as administracións públicas debemos facer toda a presión que poidamos para que se tomen medidas con elas e ofrezan servizos de calidade”, manifesta Ana Ermida.

“Os problemas que pode xerar ter un Concello sen servizo telefónico e de internet durante máis de 72 horas son innumerables e no caso de prazos administrativos ou avisos oficiais que poidan deixar de atenderse poden ter prexuízos e consecuencias moi graves e irreparables para a veciñanza e a propia administración”, explica a alcaldesa.

Ana Ermida quixo tamén trasladar o agradecemento ao persoal municipal que, mesmo cos seus propios medios, tratou de solventar as cuestións do día a día e de manter un mínimo de funcionamento; “mais non se pode obviar que a situación supuxo un caos importante, chegando incluso a mandar a parte do persoal para os seus domicilios por non poder realizar o traballo; sen esquecer a falta de atención que se produciu durante a semana.”

Desatención da empresa ao mantemento das infraestruturas

A situación vivida nestes días vén a sumarse á desatención da empresa dos avisos sobre o cableado ou os postes que xa se teñen trasladado desde o propio Concello de Barreiro; o que para a alcaldesa “é unha mostra clara da impunidade coa que operan este tipo de empresas que ofrecen servizos fundamentais para a poboación e que non garanten a atención mínima.”

A rexedora anunciou tamén que nos vindeiros días se procederá ao cambio de empresa de telecomunicacións no Concello, polo que Telefónica Empresas deixará de prestar ese servizo ao Concello de Barreiros.