Skip to main content
Burela

Entrevista: “A intención é facer no 2023 unha feira que valla por dúas”

Por 9 Maio, 2021Maio 12th, 2021Sin comentarios

Alfredo Llano é o presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela

Burela non terá Expomar este ano, pero a intención é volver no 2023 con máis forza que nunca. Así nolo conta o presidente da Fundación Expomar e tamén alcalde de Burela, Alfredo Llano.

Este ano haberá un Expomar diferente, en que vai consistir?

Este ano tocaba organizar e celebrar a feira exposición Náutico Pesqueira, pero condicionados pola pandemia vírica houbo que suprimir esta edición. A verdade é que tíñamos moitas gañas de repetir o éxito acadado en 2019 onde os expositores e profesionais en xeral saíron moi satisfeitos dos resultados no eido económico, tecnolóxico, social e contactos profesionais. Como reflexo desa edición as previsións de participación para este ano eran moi optimistas, incluso tíñamos proxectado ampliar a superficie da exposición.

Que supón para Burela e a comarca a non celebración da feira?

Supón unha perda importante de oportunidades. O sector Náutico Pesqueiro é esencial como motor económico, social e cultural en Burela e na comarca da Mariña. En Expomar pódese observar a dimensión e peso deste sector que integra naves, equipos, seguridade, artes de pesca, novidades tecnolóxicas e, tamén se fala e debate, sobre normativas, condicións de traballo, zonas e condicións de pesca, comercialización, alimentación  e defensa do sector como garante do emprego, da industria derivada e do peso específico que aporta a economía e sociedade do país.

Que situación atravesa agora coa pandemia o sector naútico pesqueiro?

Na pandemia o sector foi fundamental. Estivo activa sempre para que a alimentación de calidade chegara suficiente e puntual a todos os mercados. É certo que na pandemia reduciuse moito o consumo que se viña facendo, sobre todo na hostalería e restauración, o que condicionou uns prezos á baixa, pero en xeral, a nosa flota cumpriu á perfección o seu papel social.

Que necesidades ten e como inflúe Expomar?

A necesidade de Expomar é facerse ver. Estar o lado do sector para favorecer e agrandar a súa importancia. A Feira e todas as actividades que acomete a fundación non ten outro sentido que ser un escaparate integral de todas e cada unha das partes que conforman o sector.

Que cambios se lle poderían aportar?

Este ano imos a ter Xornadas Técnicas e Encontro Empresarial o día 20 e 21 de maio, queremos que sexan de grande calidade e que aporten moita información e axuden á resolución de problemas que ten o sector. Celébranse todos os anos e este é o segundo que serán telemáticas. Non hai outra. Ten que ser así por protocolo da pandemia, pero van ser transmitidas en tempo real o que permite facer preguntas e comentarios aos poñentes, o que garante a participación. O cambio que se lle quere dar á fundación é que sexa máis activa todo o ano programando fórmulas que aporten grandeza o sector.

De cara ao futuro que opcións se plantexan para seguir avanzando na celebración da feira?

Penso que en canto se recuperen as condicións de seguridade sanitaria o sector volverá asomar con forza. Xa estamos a pensar na edición de Expomar-23 con toda a intención de facer unha feira que valla por dúas. Hai que dicir que é unha das máis importantes do Estado o que nos serve para motivarnos e ter a ilusión ao máximo nivel, así como poder  aportar o noso grao de area a un sector en constante movemento, pero inamovible na arquitectura do país.