Skip to main content
BurelaMar AMARIÑAXA

Expomar ultimas os detalles para o inicio das xornadas

Por 11 Maio, 2021Sin comentarios

O alcalde, Alfredo Llano, e o xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, mantiveron en Santiago unha xuntanza coa directora xeral de Pesca, Mercedes Rodríguez, para falar das Xornadas Técnicas e do Encontro Empresarial que se celebrarán os días 20 e 21 de maio de xeito telemático.

O rexedor burelés explicou que “nos desprazamos ata Santiago, tanto o xerente de Expomar como eu, para falar con Mercedes Rodríguez, que é a directora xeral de Pesca, e confirmar a nosa boa colaboración que existe en todo aquilo relacionado co sector náutico pesqueiro. Sempre que imos somos moi ben atendidos e realmente temos o mesmo obxectivo que non é outro máis que favorecer en todo o posible ao sector náutico pesqueiro”.

Alfredo Llano contou que “hoxe estivemos falando de Expomar, da anulación da Feira Exposición, que non poder celebrala este ano ven significar que ata dentro de dous anos no poderemos facelo porque queremos respectar sempre as outras feiras que están previstas para o ano que ven. É certo que crea un pouco de malestar porque tíñamos xa pensado como podía ser esta edición, que pensamos ía ser moi boa”.

O alcalde dixo que “temos que seguir avanzando, polo tanto a semana que ven, o día 20, imos ter as Xornadas Técnicas Expomar, onde ven un bo plantel para debater o máximo posible sobre aquelas cuestións que están pasando agora no sector e marcar a preocupación que hai. Polo tanto as Xornadas Técnicas son importantes este ano. Queremos que teñan a capacidade de chegar a moitos sitios e a oportunidade de moita xente de poder participar ben visionando a cita ou formulando preguntas que poden ser moi interesantes. O día 21 temos o Encontro Empresarial, que queremos que haxa boa participación e que se obteñan unhas conclusións que son sempre moi realistas e unha referencia cara ao sector náutico pesqueiro. Este ano hai moitos temas que preocupan e, polo tanto, pensamos que esta cita vai ser decisiva”.

Llano engadiu que “estivemos falando ademais de actividades que queremos organizar, ao longo deste ano e do que ven, que teñan que ver co sector para a promoción do peixe, da profesión e de todo este sector que é tan fundamental tanto para A Mariña como para Galicia”.