Skip to main content
Burela

Burela inclusiva, un proxecto de expresión artística para decorar o pobo

Por 21 Maio, 2021Sin comentarios

A concelleira de Mar e Servizos Sociais, Carmela López, acudiu ao acto de presentación de Tanza no campus de Ferrol, no que está incluído o proxecto Burela Inclusiva, que foi presentado ao Galp e no que se implica á Fundación Eu Son, á Asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña, á Fundación Expomar e á asociación A Mariña Sen Plástico.

Carmela López explica que “o Concello en colaboración coa Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo queremos poñer en marcha un proxecto de expresión artística para decorar o pobo e un obradoiro de artesanía feito con redes”. 

Á presentación, que tivo lugar en Ferrol, asistiron tamén persoal directivo da Fundación Eu Son, da Asociación de axuda ao enfermo mental A Mariña, das redeiras e da Federación de Confrarías. 

O proxecto Tanza

A xornada celebrada hoxe dentro do proxecto Tanza ten entre os seus obxectivos coñecer en profundidade o proceso de valorización dos plásticos, entendido como modelo de economía circular participada polo sector pesqueiro e ver a aplicación práctica e a metodoloxía de traballo no tratamento de plásticos no taller que ten o Laboratorio de Plásticos da Universidade da Coruña en Ferrol. Tamén está entre os seus fins fomentar a innovación a través do deseño de obxectos, útiles, ou outros obxectos para as actividades do sector e reforzar o posicionamento das entidades, o coñecemento mutuo e o traballo en rede.

O proxecto de cooperación Tanza desenvólveno os GALP Mariña-Ortegal, Ártabro Norte, Ártabro Sur, Costa da Morte, Costa Sostible e ría de Arousa e busca promover unha maior empregabilidade de colectivos de inclusión social en actividades vinculadas coa economía do mar. Tamén ten entre os seus obxectivos crear unha conciencia activa no sector pesqueiro en relación ás problemáticas ambientais e da inclusión social e contribuír a un maior aproveitamento do programa de axudas por parte das entidades de inclusión social.