Skip to main content
Cervo

O Concello de Cervo programa actividades pola Día das Letras Galegas

Por 13 Maio, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo programa unha serie de actividades culturais para conmemorar o Día das Letras Galegas que este ano están dedicadas á escritora, poeta, profesora e tradutora, Xela Arias.

Tal e como anunciou a edil de Cultura, Dolores García Caramés, este mesmo sábado, 15 de maio, o salón de actos do Concello acollerá o primeiro evento. Diáspora Teatro representará a súa obra “O Peirao”, de 45 minutos de duración, e pensada para toda a familia.

A función artéllase sobre contos para mirar ao redor, a nós mesmos e á natureza, para coidala e coidarnos.

Xa o propio Día das Letras Galega, o luns, 17 de maio, Teatro dos Ghazafelhos representará a obra “Monstros no Camiño”; no auditorio da Casa da Cultura, ás 12:30 horas. A peza está pensada tamén para toda a familia.

Ese mesmo día 17, ás 19:30 horas, tamén no auditorio da Casa da Cultura, terá lugar o concerto do cantautor Manoele de Felisa, que fará a súa particular homenaxe á poesía galega.

Caxoto e a súa Trastenda de Contos porán o broche final á programación deseñada para estes días con “Xeliña fala galego”. Será o sábado 22 de maio, ás 12:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura.

O aforo será limitado en todas as actividades previstas segundo as normas vixentes e cumpriranse estritamente todas as medidas de prevención fronte ao COVID-19.

Por outra banda, tal e como informou Caramés, o Concello tamén adquiriu varias obras de Xela Arias, que estarán expostas na Casa da Cultura desde este mesmo venres, para a súa consulta e/ou préstamo.