Skip to main content
Foz

Xosé Ramón Fernández Pacios, novo cronista oficial de Foz

Por 27 Maio, 2021Maio 28th, 2021Sin comentarios

O Concello de Foz anuncia o acordo de todas as forzas políticas municipais para que o historiador focego Xoán Ramón Fernández Pacios sexa o novo cronista oficial.

Por motivos de saúde a causa da súa idade, Suso Fernández renunciou ao cargo de cronista oficial do Concello de Foz a finais do ano 2019, agradecendo “a honra que para min supuxo todo este tempo exercendo como cronista de Foz e a confianza que, por unanimidade, se depositou en min para este cargo”.

Suso Fernández foi un pioneiro en moitos ámbitos, a súa biografía é moi extensa. Cronista oficial de Foz desde o 28 de decembro de 2001, no seu haber destacan fitos como fundar a primeira imprenta e libraría de Foz no ano 1963, presidente-fundador da ACIA, co-fundador da Federación de Comerciantes da Mariña, promotor e director da Feira do Libro de Foz, presidente-fundador da Asociación O Feitizo-Amigos das Artes, cofundador da Asociación Os Bolouros-amigos das setas e do Radio Clube Costa Lugo, cofundador da Coral Polifónica de Foz, presidente-fundador da Asociación da Coral Polifónica de Foz e un longo etcétera. A forte actividade asociacional de Foz é en gran parte froito do traballo e do agarimo de Suso por esta vila, sobre a que escribiu diversos libros: Guía histórica e artística de San Martiño de Mondoñedo, o primeiro libro publicado acerca do importante monumento; Foz, o mar e as xentes; Miscelánea focense, Cartafol de Foz e Foz, un lugar de ensueño. Innumerables son os seus artigos en xornais, aportacións en distintos programas, recoñecementos e premios.

A corporación municipal, reunida en xunta de voceiros, acordou de forma consensuada que o novo cronista oficial de Foz sexa o historiador focego Xoán Ramón Fernández Pacios.

Xoán Ramón, nado en Foz en 1965, é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente está a desenrolar a súa actividade profesional no Centro de Información e Interpretación do Camiño Norte, situado na cidade de Mondoñedo, do cal é  responsable encargado. Alí atende a peregrinos e visitantes en xeral, aos que informa tanto da historia do Camiño de Santiago, en especial do Camiño Norte, como da historia de Mondoñedo e da Mariña. Historiador moi prolífico, ten participado en multitude de conferencias, dirixido exposicións e actuado como secretario en xornadas de estudos, así como feito diversas colaboracións e artigos en revistas como a Revista de Historia Naval, Candea Branca, Nova Ardentía ou a dixital Terra e Tempo. Articulista habitual onde aborda diversos temas históricos da Mariña de Lugo. Leva traballando na investigación histórica do concello de Foz desde o ano 1991, no que colaborou no libro das festas do Carme da parroquia de Nois. A partir de aí, foi coautor xunto a Pilar López do libro Recuperación da memoria histórica. Foz no ano 1993 e viu publicada a súa disertación Organización administrativa do concello de Foz (1835-1975) dentro do libro Un pobo con memoria propia. I Xornadas da Historia de Foz, editado pola asociación cultural A Pomba do Arco, que recollía en papel este ciclo de conferencias.

Ademais Xoán Ramón Fernández Pacios leva investigado no arquivo histórico diocesano de Mondoñedo e publicado en Estudios Mindonienses os traballos Libro de usos e costumes do convento de San Martiño de Xubia (Volume 21, 2005) e Poboación e igrexa no bispado de Mondoñedo. 1782 (Volume 23, 2007). É tamén un estudoso do Camiño de Santiago, no que ademais de estudar e documentar os trazados e hospitais, así como o paso de peregrinos polo Camiño Norte sobre o que publicou distintos traballos, especializouse na documentación histórica dun novo trazado xacobeo pola Mariña de Lugo, que el bautizaba co nome de Camiño do Mar, que percorría a costa de Lugo -pasando pola basílica de San Martiño- ata unirse, á altura de Neda, co Camiño Inglés. Publicou diversos estudos, destacando o libro Camiño do Mar, editado pola Deputación de Lugo, no que se recolle por primeira vez unha delimitación do trazado desta ruta e da historia tanto do Camiño como do patrimonio arredor del. Ten investigado tamén sobre a lenda de San Gonzalo, do que publicou o libro San Gonzalo. Bispo Mindoniense no 2008, así como sobre a fidalguía focega cos artigos Vínculo herdeiro da Casa Grande de Marzán, publicado en Bolanda: Revista de Estudos Focegos (2010), e o artigo publicado na revista dixital de Estudios de Genealogía titulado Alonso González de Vilaxoane. Preito de Fidalguía, 1495. Outro tema que investigou é a presenza de corsarios no Cantábrico lucense, entre outros moitos.

O alcalde, Fran Cajoto, reivindica a figura de Suso Fernández -Suso do Bahía- como un referente para Foz e para toda a Mariña. “Foi pioneiro e precursor no asociacionismo cultural e empresarial e tivo tamén visión de comarca, nun momento no que predominaban os localismos. A nivel cultural Suso é e seguirá sendo un modelo a seguir: hai que agradecerlle moito tamén os 18 anos de exercicio no cargo de cronista oficial, un traballo ímprobo e non remunerado e no que deixa o listón moi, moi alto”.

Fran Cajoto destaca tamén “a sorte de contar en Foz con tantos estudosos da historia local, que permitiu barallar varios nomes antes de presentar a candidatura de Xoán Ramón Fernández Pacios, aprobada por unanimidade polos voceiros dos partidos que conforman a corporación local. É moi importante o consenso nunha figura como a do cronista oficial, que nos representa a todas e todos, independentemente da ideoloxía de cada un. Isto di moito de Xoán Ramón: a súa biografía e publicacións están á vista de todos, realmente conta cun currículo impresionante. Pero, ademais da súa traxectoria, destaca tamén o seu carácter e as gañas sempre de colaborar, o seu amor por Foz. Á vista está: unanimidade na figura dunha persoa que nos vai honrar coa súa representación”.

O rexedor municipal anuncia que “o nomeamento oficial farase nun pleno extraordinario que se programa para este verán e que pretendemos que sexa tamén unha homenaxe á figura de Suso Fernández, sobre o que a Delegación de Cultura traballa nunha exposición. A historia de Foz merece ser contada. É o que somos como pobo: afortunadamente contamos con voces e plumas que a poden estudar, analizar, declamar e redactar para que transcenda”.

BNG

Dende o grupo municipal do BNG poñen en valor “a gran tarefa de Suso Fernández, que soubo desenvolver perfectamente a importantísima responsabilidade para deixar pegada da nosa historia. Aproveitamos para felicitar a Xoán Ramón Fernández Pacios pola súa merecida escolla, confiando que será un excelente sucesor. Agradecemos aos dous que co seu traballo en prol do noso pobo, da nosa lingua e da nosa cultura confirmen o expresado hai tempo: A cidade cree que fóra dela non hai máis que paisaxe, patacas e leite. Ignoran que tamén existe unha cultura nobre, antiquísima e insubornable”.

PP

O voceiro popular, Javier Castiñeira, quere agradecer “tantos anos de dedicación e bo facer de Suso Fernández como cronista oficial, que, sen dúbida ningunha, foi a voz e o pensamento dunha xeneración que marcou un antes e un despois na historia deste pobo. E felicitar, por outro lado, a Xoán Ramón Fernández Pacios polo nomeamento. Estamos seguros de que seguirá o legado que deixou Suso dado que ten demostrado o seu cariño a Foz e un gran coñecemento da historia do noso concello”.

FPF

O voceiro de FPF, Víctor Couto, quere mostrar “o seu agradecemento polo tan importante traballo desenvolto por Suso Fernández durante todos estes anos, nos que puxo en valor de forma moi axeitada o nome desta vila. Tamén estamos seguros que ese bo traballo seguirá da man de Xoán Ramón Fernández Pacios, persoa que todos coñecemos pola súa unión coa historia focega e agarimo a esta vila; por iso queremos felicitalo polo seu novo nomeamento”.