Skip to main content
Mondoñedo

A mindoniense Marina Mayoral recibe o premio Xosé Luis Alvite 2021

A Asociación de Xornalistas de Galicia (APG) acordou por unanimidade outorgar o Premio Xosé Luís Alvite 2021 a Marina Mayoral, catedrática emérita de Literatura Española, escritora recoñecida e veterana columnista.

Marina Mayoral é académica de honra da Real Academia Galega desde 2017. Ademais dos seus ensaios e novelas, traducidas a varios idiomas, sobresaen os seus contos, publicados nas mellores antoloxías en lingua española e en antoloxías de lingua inglesa e alemá.

Entre o centenar dos seus traballos de investigación destacan as súas obras sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, análise de poesía e prosa contemporáneas, así como os estudos sobre a problemática da escritura feminina ao longo da historia.

Aínda que tradicionalmente a APG trata de facer coincidir a entrega deste premio co Día da Liberdade de Prensa, que se celebra o 3 de maio, nesta ocasión e debido ás restricións derivadas da pandemia, o acto aprázase ao 22 de outubro próximo e terá lugar en Mondoñedo, localidade da que é natural a galardoada nesta sexta edición do Premio Xosé Luís Alvite.