Skip to main content
Mondoñedo

Remata o proxecto de reforma da praza de Mondoñedo tralo consenso

Por 27 Maio, 2021Maio 28th, 2021Sin comentarios

O Concello de Mondoñedo enviou xa o proxecto de reforma da praza da Catedral modificado, unha vez acadado o consenso cos distintos actores sociais, ao Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana que tiña confirmada unha aportación de 194.054 euros a cargo do 1% cultural.

O documento final recolle a proposta de execución daquelas actuacións que espertan unha aceptación unánime; mentres que aquelas que non a teñen foron adaptadas ou rexeitadas. Nese sentido, o equipo de goberno mindoniense agradece as aportacións para esta iniciativa de transcendencia na vida cultural e económica de Mondoñedo, que suporá unha considerable mellora na imaxe dunha das prazas máis emblemáticas de Mondoñedo.

O goberno da cidade, que mantivo reunións con todas as persoas interesadas e con aqueles que presentaron suxestións durante o prazo establecido polo Concello, fíxolles tamén entrega dunha copia do proxecto modificado.

Os dirixentes municipais poñen tamén en valor que “este proxecto permite tamén adaptarse á nova realidade da cidade derivada da aprobación do Plan Rexurbe, instrumento para a rexeneración e rehabilitación de Mondoñedo non só dende o punto de vista arquitectónico, senón tamén ambiental, económico, social e cultural”.

Impacto económico

O Concello dirixirá a este proxecto 64.684 euros, cantidade coa que se completa o orzamento dos traballos que se levarán a cabo “nun momento sensible derivado da crise sanitaria e tamén económica” e que suporán “un gran impacto económico positivo”, segundo teñen en conta dende o goberno local.