Skip to main content
Ribadeo

O Contencioso declara a obrigación de ter aberto o acceso a Illa Pancha

Por 13 Maio, 2021Sin comentarios

O colectivo ribadense Por Nuestro Faro vén de presentar un escrito no que asegura que o Concello está obrigado a tomar medidas eficaces para garantir aos veciños “o libre exercicio do seu dereito a facer uso dos terreos non concesionados da Illa Pancha”.

Neste novo expediente, “que por certo obra en poder do Concello sen que o teña comunicado á opinión pública”, aparece refectido que a lexislación vixente esixe que o vecindario teña acceso libre a un espazo público “e nós engadimos que o Concello de Ribadeo non fai nada para beneficio e aproveitamento privado”.

Por Nuestro Faro refírese a un proceso xudicial, no que o grupo non tivo unha participación directa, no Xulgado nº 2 do Contencioso Administrativo de Lugo. “Entendemos que o concello de Ribadeo ten a responsabilidade institucional e democrática de dar conta aos veciños desta información por tratarse dun asunto público de interese xeral. E non se trata de compensar senón de cumprir a lei diante da veciñanza”.

Como explicaron con anterioridade, o Concello de Ribadeo concedeu a licenza de actividade para os apartamentos turísticos da illa Pancha o día 1 de decembro de 2017, despois de que a inspección técnica comprobase que naquela data, ás dúas da tarde a porta de acceso á Illa Pancha estaba aberta “de par en par”.

Unha das condicións que poñía o Concello era que o acceso público a toda a illa estivese garantido para os ribadenses e visitantes.

“Nin a porta, nin a a ponte, nin os accesos aos apartamentos entraban dentro da concesión aprobada pola Autoridade Portuaria o día 30 de Xuño de 2015”, lembran. A devandita concesión só incluía uns cincocentos metros cadrados a carón do antigo faro e pequenas parcelas colindantes. “Ou sexa, non incluía os 4300 metros cadrados con vexetación da illa”, especifican.

Sen embargo, o colectivo fíxose eco en varias ocasións da publicidade da empresa concesionaria que anunciaba “toda la isla a disposición exclusiva” ou “una isla con acceso restringido”.

Os días once de abril e oito de maio de 2019, visto que a porta de entrada na Illa Pancha seguía pechada o colectivo rexistrou sendos escritos no Concello de Ribadeo dando conta ao alcalde desta circunstancia, ao mesmo tempo que o se puxo en coñecemento da opinión pública. “Só suliñar que o Sr. Alcalde non respondeu”, din.

O día 24 de xuño de 2019 formalizaon unha denuncia por escrito na Fiscalía do Xulgado de Mondoñedo polo recorte dos dereitos democráticos dos veciños, “ao non permitirse o acceso a un espazo libre de uso comunitario, engadindo os documentos mais significativos que avaliaban os feitos denunciados. Ao cabo de poucas semanas a fiscalía confirmounos que a apertura da porta era preceptiva sen ningunha dúbida. Pero a porta seguía pechada”.

E houbo que agardar ao 3 de outubro de 2019, ou sexa 21 meses, para que o concello de Ribadeo notificase por escrito á empresa concesionaria a obrigatoriedade de manter aberta ao público a porta de acceso á Illa Pancha. “En todo ese tempo o Concello non moveu peza para defender os dereitos lexítimos dos veciños e estivo dando largas e apoiando o interese particular dunha empresa privada. E non só iso, ocultouse a información e todo seguiría no segredo dos papeis se non fose polas denuncias do noso colectivo. Folga suliñar que en abril de 2021, tres anos e catro meses despois de conceder a licenza a porta segue pechada”.