Skip to main content
Ribadeo

O Peprich de Ribadeo xa está listo

Por 26 Maio, 2021Maio 27th, 2021Sin comentarios

O Concello de Ribadeo fixo unha comisión informativa na que foi ditaminado o Plan Especial de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico de Ribadeo ou Peprich. O obxectivo deste plan é mellorar a imaxe do conxunto histórico ribadense, preservando os valores existentes. O alcalde, Fernando Suárez, subliñou que Ribadeo será un dos concellos do país en ter todos os instrumentos urbanísticos creados e adaptados á legalidade vixente, en alusión ao PXOM, ao Plan Especial das Catedrais e ao propio Peprich.

O rexedor ribadense contou que “finalizamos agora un longo e complexo traballo para a aprobación do Plan de Protección e Rehabilitación do Conxunto Histórico da vila de Ribadeo, ao que comunmente se lle chama Peprich”. 

Tamén engadiu que “temos que dicir que este casco vello estaba sendo rexido desde o ano 2004 a través dunha figura legal, o BIC, Ben de Interese Cultural, que supuxo daquela un punto de partida, pero que quedaba limitado tan só ás actuacións de rehabilitación de edificios existentes no casco vello. Isto era o que se facía ata agora. Facíase polo tanto imprescindible dar un paso firme, un paso ambicioso, para protexer, consolidar e impulsar o casco histórico”.

Suárez Barcia explicou que “despois dunha dilatada tramitación, que se iniciou arredor do ano 2010, na que interviñeron multitude de organismos sectoriais tanto da Xunta como do Estado, tales como Urbanismo, Costas, Telecomunicacións, Patrimonio, Facenda, Ordenación do Territorio, etc…, pero na que destacou por riba de todo a participación da veciñanza a través das exposicións públicas e alegacións, obtivemos agora como resultado un completo documento que propón a recuperación integral do ámbito, a protección dos valores ambientais e paisaxísticos do borde ao litoral e tamén a integración do espazo portuario no ámbito do conxunto histórico”.

O alcalde dixo que “este plan especial establece como un dos obxectivos principais o de mellorar a imaxe do conxunto histórico preservando os valores existentes na actualidade e rematando tamén zonas inacabadas no tecido actual coa intención de convertelo nun entorno apetecible para as futuras xeracións. Polo tanto, a ordenación establecida garante a conservación e fortalece a identidade da vila, pero aposta tamén pola rehabilitación e preservación dos valores naturais e mantén a convivencia dos usos existentes no ámbito. Ademais incrementa as reservas de solo para dotacións locais en 1.500 metros cadrados de equipamentos, 4.700 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes e un total de 166 prazas de aparcamento novas”.

Fernando Suárez subliñou que “tratamos de revitalizar o conxunto histórico desde o respecto e o coidado polas pegadas que o paso do tempo deixou tanto no burgo medieval como na atalaia como en cada recuncho do ámbito. Este Peprich conclúe o que xa ten Ribadeo, que conta afortunadamente cun moderno Plan Xeral de Ordenación do 2014, tamén conta cun Plan Especial da contorna das Catedrais do ano 2020 e agora contará cun Plan Especial do Conxunto Histórico do ano 2021, sendo un dos poucos concellos do país en ter todos os seus instrumentos urbanísticos creados e adaptados á legalidade vixente o que, sen dúbida, aporta unha grande seguridade xurídica ao tempo que establece claramente as normas e os procedementos do que se pode facer e do que non se pode facer”.