Skip to main content
Trabada

A Deputación anuncia a ampliación das prazas da residencia de Trabada

Por 9 Maio, 2021Maio 10th, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou a ampliación das prazas da residencia pública que a institución provincial ten no concello mariñano de Trabada debido á alta demanda que rexistra, con 20 persoas a día de hoxe na listaxe de agarda. 

A decisión de solicitar á Xunta de Galicia o aumento da capacidade asistencial do Centro de Atención a Maiores trabadense en 9 prazas, ata chegar ás 39 persoas atendidas, foi adoptada nunha comisión de seguimento deste servizo provincial presidida por José Tomé e da que forman parte a Deputación e o Concello trabadense. En concreto, na reunión, celebrada este venres na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, participaron o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a Alcaldesa de Trabada, Mayra García Bermúdez, o Concelleiro de Saúde e Deporte desta localidade, Rubén García Freije, e a xefa do Servizo de Benestar da institución provincial. 

A Deputación inicia agora o procedemento administrativo para aumentar ata 39 as prazas residencias deste centro para dar resposta “á necesidade social da comarca e tamén á  listaxe de agarda que temos para esta residencia, o que demostra unha vez máis que o noso modelo público, de calidade e de proximidade, funciona”, subliña o Presidente. Así mesmo, detalla que “o centro foi construído para poder dar resposta a esas prazas e conta coa capacidade e as infraestruturas o suficientemente amplas para atender a 9 persoas máis sen renunciar aos altos niveis de calidade asistencial que nos marcamos”. 

Unha vez que a Deputación reciba a autorización da Administración galega, a Deputación e o Concello de Trabada deberán modificar o convenio especifico entre as dúas administracións para establecer as novas achegas que cada unha delas deberá facer para axudar a sufragar os custes das prazas.

A día de hoxe, o Centro de Atención a Maiores de Trabada conta con 28 residentes, atopándose a día de hoxe máis de 20 persoas na listaxe de agarda. Cómpre lembrar que unha das prazas existentes está reservada para ser ocupada pola vía de urxencia se é necesario. 

Ampliación do equipamento

Para poder atender a 39 persoas usuarias no CAM de Trabada serán necesarias un conxunto de actuacións valoradas nun importe de en torno aos 20.000€. Entre elas, destaca o equipamento das habitacións con camas, colchóns e diferente mobiliario necesario para que a estancia sexa o máis pracenteira posible. Así mesmo, proxéctase a ampliación da sala polivalente, que aínda que é ampla e acolledora, farase máis grande para aproveitar mellor o espazo e lograr que aumente en luminosidade ao recibir con esta mellora un maior grao de luz solar directa. Tamén se adecuarán os espazos de almacenamento para adaptalos ás novas necesidades. 

Un modelo que pon no centro ás persoas

O Presidente recalca que a crise da Covid-19 ratificou que o modelo asistencial público e de proximidade, que pon no centro ás persoas en non ao negocio, polo que aposta a Deputación de Lugo achega “un plus de calidade na atención aos usuarios e de tranquilidade para as familias, xa que son centros pequenos nos que se garante que os maiores reciben os coidados e servizos que precisan e aos que teñen dereito, preto do seu lugar habitual de residencia. O noso modelo favorece o arraigo dos veciños e veciñas e crea emprego sostible no rural, o que contribúe a fixar poboación”, asegura José Tomé.  

“En políticas sociais seguimos asumindo moitas competencias impropias e facémolo porque a Xunta de Galicia non cubre as necesidades da nosa provincia e porque estamos convencidos de que, só así, garantimos a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, sobre todo daquelas persoas con máis risco de exclusión”, explica o Presidente. Neste sentido, destaca que a Deputación non só está abrindo novos centros, senón que estamos ampliando os que temos en funcionamento, polo que damos un paso máis alá na atención social á veciñanza”.

De feito, dende o 2019, a Deputación de Lugo, ademais de dar múltiples pasos para avanzar nos compromisos adquiridos cos concellos en materia de residencias, abriu xa os centros da Fonsagrada e de Castroverde, e neste ano poñerá en marcha os de Pedrafita do Cebreiro, Meira e Navia de Suarna, co que pasará das cinco dotacións actuais -Pol, Trabada, Ribadeo, Castroverde e A Fonsagrada- a oito. 

Comisión de seguimento das residencias

Por outra banda, as directoras dos cinco Centros de Atención a Maiores da Deputación mantiveron un encontro cos responsables da área de Benestar Social da institución provincial para actualizar protocolos e poñer en común o desenvolvemento do día a día de cada unha das residencias. Unhas reunións que o mandatario provincial considera “moi importante manter para analizar as particularidades e situacións que se están dando en cada un dos centros, e actuar en base a cuestións firmes e escenarios reais”, explica o Presidente. “Tanto as directoras dos centros, como todo o persoal, un cento de traballadores e traballadoras, están facendo un labor excepcional, con moita dedicación e compromiso”, recalca.