Skip to main content
Trabada

Trabada aprobará no Pleno novas rebaixas fiscais para o sector agrogandeiro

Por 20 Maio, 2021Sin comentarios

O goberno municipal do Concello de Trabada aprobará no pleno do próximo luns, día 24 de maio, novas rebaixas fiscais para axudar ao sector agrogandeiro.

“Falamos dun sector estratéxico e prioritario para Trabada, non só en termos económicos se non tamén polos empregos que xera, e por suposto compartimos as súas inquedanzas sobre o futuro, polo que dentro das nosas competencias temos que facer todo o posible para axudar ás explotacións”, asegura Mayra García, alcaldesa de Trabada.

En concreto, o pleno aprobará de maneira inicial unha modificación da Ordenanza Fiscal Reguladora do Imposto de Construccións, Instalacións e Obras do Concello de Trabada, co obxectivo de “establecer unha bonificación do 95% a favor das construcións, instalacións ou obras que afecten ou se refiren a explotacións gandeiras ou agrícolas e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración. Esta declaración corresponderá ao Pleno da Corporación, logo de solicitude do suxeito pasivo”.

“Sabemos que esta medida repercute directamente nas arcas municipais, pois deixamos de recaudar o importe bonificado, pero tamén somos conscientes da importancia desta medida para os nosos veciños, e os que temos responsabilidades de goberno temos a obriga de adoptar medidas que contribúan a mellorar a calidade de vida nos nosos concellos”, engade a alcaldesa.

Despois do pleno, someterase a información pública a citada modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Instalacións, Construccións e Obras do Concello de Trabada durante trinta días hábiles, a efectos de reclamacións e suxestións, antes da aprobación definitiva.